A carta remitida por Jácome ao PP revela, segundo o BNG, a súa desesperación e incapacidade para gobernar

IES CHAMOSO LAMAS

Luis Seara: “estamos diante dunha chamada desesperada a un PP que é o verdadeiro responsábel desta situación e ao que  esiximos decida canto antes que é o que vai facer, pois xa está ben de xogar con Ourense, un Ourense que aínda que eles pensen que sí, non é da súa propiedade”

logo de coñecerse que o actual alcalde do Concello de Ourense, Gonzalo P. Jácome vén de remitirlle unha carta ao PP solicitando a súa volta ao goberno local, o Grupo Municipal do BNG ten claro que o que revela é a “desesperación e a incapacidade de Jácome para gobernar”, algo que lembran os nacionalistas, “vimos advertindo desde a fuxida do goberno do PP. Con tres concelleiros non se pode gobernar a terceira cidade do país”.

HIPER MASIDE

Na carta, Jácome alude a unha serie de compromisos que ao seu entender debe asumir a Xunta de Galiza para con Ourense. Para o portavoz no concello do BNG Luis Seara, “as solicitudes formuladas revelan que o alcalde vive encerrado no despacho e que non coñece a realidade do concello e as necesidades das veciñas e veciños”.

Para Seara, “resulta incomprensíbel que non faga ningunha referencia a un dos principais motores económicos e que nos diferenza do resto como é o termalismo, logo de acusar á propia Xunta da situación actual”.

Tamén chama a atención dos nacionalistas que solicite a posta en marcha dun plan de choque para paliar a decadencia e perda poboacional e de actividade económica da zona histórica cando, tal e como afirma Seara, “vive absolutamente de costas a esta zona. Precísanse actuacións concretas e urxentes tal e como vimos reclamando desde o BNG, mais o desleixo para coa zona histórica por parte do alcalde é total e absoluta pois entre outras cousas, segue sen avanzar no PEP-OU”.

No BNG botan tamén de menos referencias á situación dos Servizos Sociais e a solicitude de reforzo dos mesmos xa que segundo o propio Jácome “son competencia da Xunta e do Estado e non do concello, algo que por certo non é verdade”.

En definitiva e como ben conclúe Luis Seara, “unha chamada desesperada de auxilio a quenes o colocaron na alcaldía para logo abandonar o barco e deixar ao concello sumido no caos e na parálise. Un PP que é o verdadeiro responsábel desta situación e ao que se esiximos decida canto antes que é o que vai facer, pois xa está ben de xogar con Ourense, un Ourense que aínda que eles pensen que sí, non é da súa propiedade”.