A cidade das Burgas acollerá este vindeiro domingo un ‘derby’ de rivalidade histórica entre o antigo Ponte Ourense, na actualidade Ourense Club de Fútbol, e Club Deportivo Arenteiro, dentro da programación na novena xornada da tempada futbolística no grupo 1º da Primeira RFEF. Será a portir das 19,30 horas no estadio municipal do Couto e con expectativa dunha gran presenza de seareiros verdes nas súas gradas, aproveitando a oferta de venda anticipada de entradas promovida polo conxunto do barrio de Ponte Canedo. O equipo que adestra Raúl Jardiel atópase nestes intres no mellor momento da tempada tra-la ampla goleada (4-0) ao Nàstic de Tarragona, conquerida ante a afección local o pasado domingo no campo de Espiñedo. Esta victoria colocou ao Arenteiro no 4º lugar da clasificación, en postos de ‘play off’ e con 13 puntos, mentres o Ourense C.F. ocupa a última posición da táboa con tan só tres puntos, correspondentes a tres empates, despois de caer 3-0 ante o líder, a Cultural Leonesa.
Deste xeito, o equipo carballiñés desprazarase ata Ourense coa moral moi alta e co obxectivo de voltar con tres puntos máis, mantendo a liña ascendente das xornadas anteriores. O adestrador, Raúl Jardiel, mantén a confianza nos seus xogadores, se ben pensa que non hai que baixar o ritmo nen cre que exista un estado de euforia no equipo.