- O Goberno galego destina 1.749M€ á provincia de Ourense nos orzamentos 2025. No que respecta ao gasto por habitante na provincia incrementase un 3,6%, o que supón pasar de 5.540€ a 5.742€, dos que mais de 238M€ corresponden á capital
- O delegado territorial da Xunta en Ourense puxo en valor os Orzamentos para 2024 “deseñados e pensados para as necesidades de todas e todos cidadáns da provincia de Ourense”
- O representante autonómico salientou a apertura no vindeiro ano do novo Centro de Atención a Persoas con Discapacidade, que ofertará ás familias 110 novas prazas públicas de atención diúrna e residencial (80 de residencia e 30 de día)
- En Ourense, mantense o esforzo inversor para as obras no CHUO, con 27M€, como no ano 2024. Para continuar co Plan Director recóllense compromisos plurianuais ata o ano 2027 por importe total de 29,4M€
- Manuel Pardo destacou tamén o orzamento para o avance das obras en execución do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención primaria, entre as que salientamos o CIS de Ourense (2,5M€) o Centro de Saúde da Rúa (1,6M€) e os créditos para as obras dos centros de saúde de Muíños (0,5M€) e Boborás (0,7M€)
- Avanzou o delegado territorial que o Goberno galego destina unha partida específica de 1 M€ nos orzamentos de 2025 para cofinanciar as actuacións que reactivarán a Praza de Abastos nº1 de Ourense
- No eido relacionado cos incendios forestais, fundamental nunha provincia como Ourense, Manuel Pardo avanzou que se destinarán 900.000€ á Base de Unidades Operativas (BUO) de Bande. Tamén se achegarán 1,7M€ para reforzar as bases aéreas de Muíños, Antela, Támega e O Barco de Valdeorras
- O orzamento para as actuacións do IGVS na provincia de Ourense sube en 3M€ ata superar os 27M€ co foco posto na rehabilitación e no impulso da construción de vivendas para alugueiro social
- O delegado territorial destacou o inicio das obras da circunvalación leste, entre a OU-105 e a N-525, que suporán un investimento de 1M€, e remarcou a achega de 1M€ para o novo vial de acceso ao CHUO dende a N-525
Ourense, 19 de outubro de 2024.- A Xunta de Galicia destina 1.749M€ á provincia de Ourense nos orzamentos 2025, dos que mais de 238M€ corresponden á capital. No que respecta ao gasto por habitante na provincia incrementase un 3,6%, o que supón pasar de 5.540€ a 5.742€. Estamos a falar, -segundo e delegado territorial- dos orzamentos máis altos da historia de Galicia (13.954M€; un 2,6% máis respecto ao ano pasado); dos orzamentos máis sociais, elaborados desde “o rigor e a prudencia” que buscan dar “certezas as familias e as empresas” da comunidade, e que pretenden cimentar o benestar dos maiores, os servizos ás familias, a promoción da vivenda e o impulso aos sectores produtivos.
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, puxo en valor os Orzamentos para 2025 “deseñados e pensados para as necesidades de todas e todos cidadáns da provincia de Ourense”. “Contas prudentes e realistas –engadiu o delegado territorial- que consolidan o crecemento económico postpandemia, garanten a solvencia das contas en liña coas novas regras fiscais, impulsan a vivenda, reforzan os servizos públicos e continúan baixando impostos, ademais de consolidar as rebaixas fiscais vixentes. E, por segundo ano consecutivo, sen recorrer a un novo endebedamento. En definitiva -mantivo o delegado territorial- contas que sustentan a base para impulsar o crecemento encamiñadas a acadar a transformación dixital, o fortalecemento do sector primario, o apoio ao desenvolvemento empresarial, a internacionalización do tecido industrial ou o pulo ao I+D.
“Contas públicas -destacou Manuel Pardo- que recollen solucións efectivas á nosa realidade, eminentemente rural, cunha poboación espallada e envellecida, onde as políticas sociais son necesarias e ineludibles”. “Polo que -mantivo o delegado territorial- nestes orzamentos garántese a reforma e a construción de infraestruturas sanitarias nos centros de saúde e hospitais de Ourense, Verín e do Barco de Valdeorras, as melloras importantes nos centros educativos (estruturais, de eficiencia enerxética e mellora dixital), os novos recursos de conciliación no rural pioneiros en toda España como as Casas do Maior e Casas Niño implantadas maioritariamente na nosa provincia; ou tamén a “absoluta gratuidade” no ensino público, abarcando desde a educación infantil ata a universidade.
Entre as novidades para este curso sobresae a bonificación do 75% no imposto de actos xurídicos documentados para a compra, construción e rehabilitación de edificios de vivendas destinadas ao aluguer; así como os beneficios no imposto de sucesións para os familiares colaterais que non terán que pagar o tributo nas herdanzas de ata 25.000€. Estarán exentos de gravame os legados de ata ese importe entre irmáns, tíos, sobriños, sogros, cuñados, xenros e noras e lembrou que na declaración do IRPF do ano 2025 as familias con dous fillos xa poderán deducir 250€, dedución que ata agora tiñan as familias numerosas e que agora se duplica, ata os 500€. Ademais, por cada fillo a maiores, a partir de tres, esta dedución, incrementarase noutros 250€.
Políticas sociais de apoio ás familias
Así pois, o delegado territorial subliñou que os Orzamentos de 2025 reforzan un ano máis tanto o gasto social tradicional (sanidade, educación e políticas sociais) como o gasto para o fomento do emprego.
Significou Manuel Pardo que os recursos orzamentarios de 2025 recollen a primeira prioridade do Goberno galego, que é o reforzo continúo e permanente do gasto social, a sanidade, a educación, as políticas sociais e o emprego. Para isto, destínase unha cifra que
supera por primeira vez os 10.000M€”, ata alcanzar os 10.267M€. Así, estas contas dedican para sanidade 5.434M€; para o ensino 2.972M€; para políticas sociais 1.415M€, e para emprego 446M€.
En canto á provincia de Ourense, o representante autonómico salientou a apertura no vindeiro ano do novo Centro de Atención a Persoas con Discapacidade, que ofertará ás familias 110 novas prazas públicas de atención diúrna e residencial (80 de residencia e 30 de día); o plan de choque para mellorar os tempos de agarda para acceder á dependencia; a gratuidade das escola infantís e as axudas ás familia a través do Bono Concilia e do Plan Corresponsables (12 M€ en Galicia); 40.000 nenos e nenas, dos que máis de 5.600 están na provincia de Ourense; a ampliación da rede pública de Puntos de Atención Familiar coa apertura do de Verín e os máis de 500.000€ para o novo Centro de Crise 24 horas.
No eido da educación, a Xunta inclúe un investimento total de 15,6€ destinados a executar obras na provincia de Ourense. Compre logo dunha década de posta en marcha de proxectos específicos, dar un salto cualitativo cara a excelencia, e os orzamentos deste ano, en palabras de Manuel Pardo, “proporcionan as ferramentas para acadar este reto, como a Estratexia de Educación Dixital 2030, o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, o Plan de Linguas, o Plan de modernización da FP ou a Estratexia de Inclusión e Atención á Diversidade para os vindeiros anos”.
Os Orzamentos de 2025 permiten afrontar retos como a maior modernización do sistema educativo que iniciamos este curso e que vai continuar nos próximos anos ou a matrícula universitaria gratuíta e unha intensa aposta polo I+D+i galego; no ensino, mellores rateos, máis profesores a pesares da baixa do alumnado, máis atención ao alumnado con necesidades especiais, máis coidado do rural e mellor carreira profesional docente; e na ciencia, máis investigación e apoio ao talento que se fai desde as universidades e os centros tecnolóxicos.
Manuel Pardo salientou o novo IES do Pereiro de Aguiar (300.000€); a ampliación do CIFP A Farixa (970.000€) e a ampliación do IES Manuel Chamoso Lamas (1,5M€) e puxo énfase no investimento de 3,3M€ na acreditación de excelencia do Campus Auga da Universidade de Vigo.
Referido á sanidade, o delegado territorial incidiu en que a sanidade sigue a ser unha das prioridades deste Goberno e así o amosan novamente os orzamentos que “por primeira vez se destinarán máis de 5.434M€ á sanidade pública”.
En Ourense, mantense o esforzo inversor para as obras no CHUO, con 27M€, como no ano 2024. Para continuar co Plan Director recóllense compromisos plurianuais ata o ano 2027 por importe total de 29,4M€. Tamén se reservan 600.000€ para a humanización de espazos hospitalarios e prevese a adquisición de ecógrafos para os hospitais comarcais de Valdeorras e Verín (ademais das cantidades que se investirán para a adquisición doutros equipamentos e mobiliario hospitalario con cargo á dotación da área).
Manuel Pardo destacou tamén o orzamento para o avance das obras en execución do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, entre as que salientamos o CIS de Ourense (2,5M€) o Centro de Saúde da Rúa (1,6 M€) e os créditos para as obras dos centros de saúde de Muíños (0,5 M€) e Boborás (0,7 M€).
O emprego, a igualdade e as políticas de dinamización económica cara o futuro
O delegado territorial da Xunta recalcou que unha das prioridades do Goberno galego é impulsar a formación co gallo de que as persoas desempregadas e traballadoras conten cada vez con maiores e mellores capacidades para acadar un emprego estable e de calidade que conduza ao seu benestar; “unha prioridade que se mantén intacta”, sentenciou.
Manuel Pardo subliñou que se unificarán as axudas aos autónomos (40M€, que se suman aos máis de 20M€ para favorecer o emprendemento dentro deste sector), para beneficiar en total a máis de 9.000 autónomos; a formación, a empregabilidade e a retención do talento constitúe outra das apostas (20M€) dentro da “Nova Estratexia Mocidade Activa”, co obxectivo de beneficiar a mais de 1.500 mozos e mozas. Tamén se referiu ao apoio do comercio local con novas edicións do Bono Comercio (5M€), un sector integrado por mais de 24.000 comercios en Galicia.
O representante do Goberno galego destacou que a provincia de Ourense ten a súa cota importante de protagonismo e coas que tamén se dará pulo aos polos de emprendemento, investindo preto de 500.000€ nos catro que están activos na provincia -Carballiño, Verín, Baños de Molgas e O Barco-.
Avanzou o delegado territorial que a Xunta destina unha partida específica de 1 M€ nos orzamentos de 2025 para cofinanciar as actuacións que reactivarán a Praza de Abastos nº1 de Ourense; e fixo fincapé na renovación de oficinas de emprego como a do Carballiño ou a do barrio ourensán da Ponte, e a partida de preto de 400.000€ ao CIPF Santa María de Europa, integrado na rede pública de centros e entidades de formación para o emprego.
A teima por un futuro económico e sostible para acadar un emprego de calidade pasa tamén por potenciar o sector industrial, por medio de novas figuras de creación de solo (Zonas de Aceleración de Proxectos Empresariais e Solo -ZAPES- e Zonas Industriais Rurais -ZIR-) que permitirán reducir prazos para o desenvolvemento de novos polígonos e impulsar a implantación de novas empresas e proxectos.
Destacou tamén Manuel Pardo os 10,23M€ para o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), os 290.000€ para o CIS Madeira e os 100.000€ para o convenio co Clúster da Pizarra, na Comarca de Valdeorras.
Outra das estratexias fundamentais para o futuro da nosa terra e para a creación de traballo de calidade e mellora da nosa economía é o desenvolvemento do sector primario. A loita contra os lumes, a mellora das vías de comunicación no rural coa posta en marcha do Plan Camiña Rural dotado con case 20 M€ ata 2026 (10 xa en 2025), dos que 4,2M€ investiranse na provincia de Ourense e a incorporación de novos activos ao agro ou as axudas da PAC constitúen outra das prioridades de gasto destes orzamentos.
No eido relacionado cos incendios forestais, fundamental nunha provincia como Ourense, Manuel Pardo avanzou que se destinarán 900.000€ á Base de Unidades Operativas (BUO) de Bande, así como 5,8M€ para o convenio coas entidades locais con gallo de afondar nas obras preventivas e anticiparse aos lumes. Tamén se achegarán 1,7M€ para reforzar as bases aéreas de Muíños, Antela, Támega e O Barco de Valdeorras.
Asemade, o delegado territorial anunciou que se levarán a cabo 14 pasteiros na provincia a través dun investimento de preto de 1,8M€, para dotar de base territorial ás explotacións, especialmente en réxime extensivo, e afondar nun rural produtivo e coidado que actúe como cortalumes natural. Como escaparate dos produtos amparados baixo o selo de Artesanía Alimentaria, que promocione os produtos galegos que conten con este distintivo, cun orzamento de 140.000€ desenvolverase un mercado na cidade de Ourense.
No referente ao sector vitivinícola, a Xunta apoiará a través dunha liña de achegas de 1M€ a conservación da contorna paisaxística e a loita conta a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra e na contorna da Limia seguirase afondando na modernización do seu regadío cun orzamento de 1M€.
Respecto do medio ambiente, anunciou que se traballará na mellora da eficiencia enerxética nos centros de interpretación do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés e do Invernadoiro cun investimento de 1,6M€ co obxectivo de reducir o seu consumo de enerxía primaria non renovable.
Infraestruturas para o desenvolvemento
O delegado territorial destacou o inicio das obras da circunvalación leste, entre a OU-105 e a N-525, que suporán un investimento de 1M€, e remarcou a achega de 1M€ para o novo vial de acceso ao CHUO dende a N-525. Prevese continuar coa execución de sendas (Senda OU402 en Reza) para o que se destinan 1,1M€
Manuel Pardo puxo en valor a mellora da seguridade viaria e as actuacións en tramos de concentración de accidentes na provincia con 2,7M€; ou os mais de 9M€ para a conservación e o reforzo do firme das estradas provinciais, e fixo fincapé na importancia da partida de mais de 8M€ para a construción de vivendas para alugueiro social da praza de Cambedo de Raia. O orzamento para as actuacións do IGVS na provincia de Ourense sube en 3M€ ata superar os 27M€ co foco posto na rehabilitación e no impulso da construción de ese tipo de vivendas.
No eido das novas tecnoloxías, o delegado territorial tamén lembrou que o Centro de Ciberseguridade de Galicia no Parque Tecnolóxico converterá a Ourense na capital de Galicia nesta materia; e no ámbito do turismo, subliñou o remate da obra BIC Monterrei para a súa restauración estrutural e paisaxística (14M€).
A Administracion local como eixo integrador
Manuel Pardo resaltou que o Goberno galego vai destinar máis recursos ás entidades locais nestes Orzamentos para 2025. Por iso se aumenta a partida destinada aos concellos ata os 641 millóns de euros, 30M€ máis que este ano, o maior esforzo da historia da autonomía cos concellos.
Na provincia de Ourense, as axudas a concellos e asociacións locais aumentaron un 15,9% con respecto ao ano anterior, recollendo tamén as demandas da Fegamp para incrementar o fondo base que se destinará aos concellos de menos de 15.000 habitantes.
Por outra banda, a Xunta reforzará a estratexia de mobilidade fomentando que cada vez máis concellos e usuarios acceden ao transporte público: Os preto de 123.000 usuarios que teñen a tarxeta Xente Nova fixeron nos 8 primeiros meses deste ano máis de 4,2 millóns de viaxes, e no mesmo período houbo máis de 107.000 beneficiarios da tarifa +65 realizaron preto de 2,2 millóns de viaxes gratuítas.
O delegado territorial destacou que a Xunta de Galicia segue apostando pola mellora da accesibilidade e a mobilidade sostible nas paradas de autobús, nos aparcadoiros e nas sendas; investimentos para os que Ourense disporá de preto de 3M€; así como 21,6M€ destinados ao servizo escolar e integrado de Transporte, dentro dun investimento total de mais de 30M€ no capítulo da mobilidade.
No eido da atención ao cidadá, o representante do Goberno galego subliñou que a Xunta dedica un dos maiores orzamentos da súa historia a continuar co obxectivo de acadar unha Xustiza máis eficiente e próxima á cidadanía, con 183,7M€ que continuarán reforzando os recursos humanos, os xulgados e a xustiza gratuíta, pese a non ser esta última competencia autonómica. Manuel Pardo resaltou, dentro das infraestruturas xudiciais, as obras de eficiencia enerxética nos xulgados do Carballiño cun investimento de mais de 545.000€ e, referiuse á construción do novo edificio administrativo en Ourense que se realizará sobre 4 parcelas adquiridas pola Xunta de Galicia. Con esta actuación, cunha partida de 2M€, preténdese mellorar a atención aos cidadáns ourensáns por parte da Administración autonómica.
En definitiva, en palabras do delegado territorial, estes orzamentos son unha clara aposta polo benestar das familias ourensás e polo desenvolvemento dos principais potenciais económicos da provincia de Ourense. “Son unhas contas con máis recursos ca nunca, que consolidan o crecemento económico postpandemia, impulsan a vivenda, reforzan e modernizan os servizos públicos, favorecen o emprego e apoian a mellora da competitividade das empresas galegas”; sentenciou Manuel Pardo.