Os catro grupos políticos da Corporación do Carballiño acordaron por unanimidade instar ao equipo de goberno á convocatoria do Consello Municipal de Saúde para que este órgano se encargue de establecer un debate sobre as carencias que na actualidade padece o Centro de Saúde e tratar de conquerir os apoios necesarios para solventalas. O acordo foi tomado hoxe na sesión plenaria correspondente ao mes de outubro, asumindo así unha moción proposta por Espazo Común, tras un longo e tenso debate no que se sucederon enfrontamentos dialécticos entre o ponente, Francisco Fraga e as voceiras do Partido Popular, Elvira Torres, e do BNG, Sofía García. O edil de Espazo Común convidou á concelleira popular a “canalizar os seus esforzos cara as xentes do Carballiño e a súa comarca”, en referencia ás demandas que os populares poden trasladar ao Goberno autonómico.
Pola súa banda, o voceiro socialista, Diego Fernández, apuntou que “a nós non nos interesa o edificio do novo ambulatorio, que é un tema xa zanxado, senón os servizos que vaia prestar e, tamén, os problemas de atención aos pacientes que hai agora no actual Centro de Saúde, e que xa plantexamos en diferentes reunións coa Xerencia do Sergas”. Elvira Torres conminou neste punto aos representantes do PSdeG-PSOE a esixir “ao señor Sánchez que amplíe as prazas de médicos residentes e de enfermería, xa que son temas que non competen á Xunta”.
No mesmo pleno, a Corporación tamén amosou a súa unanimidade na aprobación inicial do prego de condicións económico-administrativas que rexerán o concurso para a concesión do servizo de abastecemento e saneamento e ciclo integral da auga, que mellorará as prestacións en infraestruturas para o Concello e suporá un investimento de 60 millóns de euros nos vindeiros 20 anos. Tamén houbo un acordo unánime para aprobar unha proposta do BNG sobre a mellora do servizo de axuda no fogar, que na actualidade proporciona cobertura a un total de 97 veciñas e veciños con problemas de dependencia.
Finalmente, a Corporación amosou a súa división de opinións ao debater unha moción de Espazo Común relativa á introducción de cambios na convocatoria de axudas para material escolar e á situación de precariedade laboral e de infraestruturas no Conservatorio de Música e no colexio público Calvo Sotelo. Os voceiros do grupo de goberno de PSdeG-PSOE e PP aseguraron que xa se están a elaborar listas de contratación, pero rexeitaron a anulación das bases da devandita convocatoria.