(Foto El Progreso )
“Os socialistas non morren, seméntanse”
(Pablo Iglesias Posse)
Ourense, 30 de outubro de 2024. Dor e pesar produciu entre os moitos que o querían e apreciaban o pasamento en Ourense onde nacera de Juan Manuel Iglesias Rivera (21/04/1940-30/10/2024). Avogado, exgobernador civil de Lugo, director xeral de Traballo e outros moitos cargos máis, pero sobre todo Juan Manuel foi un extraordinario socialista e mellor compañeiro.
Licenciado en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid, foi funcionario do Ministerio de Traballo en Ourense e exerceu como avogado laboralista. En 1977 ingresou no Partido Socialista Popular, do que foi secretario provincial. Foi quen pechaba a candidatura que aquela formación presentou en Ourense nos comicios xerais de 1977 (xunto a Anselmo López Morades, Amador González Móndelo, Santos López Faílde e Manuel Loureiro Iglesias).
Por mor da integración do PSP no PSOE, en 1978, Iglesias Rivera entrou tamén no partido, sendo reserva ao Senado nas eleccións xerais do 1 de marzo de 1979. Ese mesmo ano, pouco máis dun mes despois, formou parte da candidatura socialista ao Concello de Ourense, ocupando o posto número 2, sendo nomeado tenente de alcalde, candidatura que encabezou José Sueiro Martínez. Manuel Veiga Pombo, Manuel Rebollo Manzano e Manuel Estévez García foron os outros 3 concelleiros obtidos naquela ocasión, ano na que ocupou tamén o cargo de director xeral de Traballo da Xunta de Galicia.
Juan Manuel Iglesias foi elixido parlamentario pola provincia nas primeiras eleccións autonómicas polo PSdeG-PSOE (o 20 de outubro de 1981) xunto a Ramón Félix Blanco e Javier Casares Mouriño, escano que abandonou un ano despois para ser nomeado gobernador civil de Lugo, o primeiro cargo socialista naquela provincia dende a II República. Neste posto permaneceu ata 1996, momento no que se reincorporou á Administración pública, onde se xubilou, sempre sen esquecer o seu compromiso co Partido Socialista, organización na que desempeñou diferentes responsabilidades participando activamente na súa vida orgánica .
Juan Manuel Iglesias Rivera estivo ao longo da súa militancia política en cantidade de situacións, dunhas saíu vitorioso e doutras, como é lóxico, non. O que si é certo é que en todas elas comprometeuse e deu todo o bo que tiña, que era moito e moito quedou aínda por dar.
Ao igual que O Avó encabeza cunha cita este escrito, tamén son as súas palabras as que o rematan: “Non só fan adeptos as organizacións coas súas doutrinas, senón cos bos exemplos e a recta conduta dos seus homes”. Ese é, sen dúbida, o caso do compañeiro Juan Manuel Iglesias Rivera.