“Estamos en plena disposición e preparados para axudar, afirma o presidente Luis Menor, “pero sempre segundo a axuda que se nos pida e mediante os procedementos que se nos indiquen”
“A mellor colaboración e máis eficiente é aquela que está coordinada”, di o presidente, que fai unha chamada a colaboración a través dos cauces oficiais abertos desde as administracións afectadas, entidades financeiras ou organizacións sociais
Ourense, 2 de novembro de 2024.
A Deputación de Ourense vén de integrarse no sistema de emerxencia galego disposto para dar a resposta máis precisa e eficiente ás necesidades dos damnificados pola traxedia de Valencia, coordinación que desde a institución provincial cualifícase como esencial para a efectividade do complexo movemento de solidariedade que se está a producir desde toda España.
O presidente da Deputación, Luis Menor, participou esta mañá nunha reunión telemática convocada desde a Xunta de Galicia e na que ademais de diversos departamentos do goberno autonómico tamén participaron as deputacións galegas e representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias.
Entre os resultados desta reunión constatouse que a administración valenciana precisa sobre todo de apoio profesional, tanto humano como técnico, capítulo no que a Deputación de Ourense colaborará a través do Consorcio Provincial de Bombeiros “pero sempre segundo a axuda que se nos pida e mediante os procedementos que se nos indiquen”.
Luis Menor expresa “a total e absoluta sensibilidade da institución coa traxedia vivida en Valencia”, trasladando tamén o sentir do Goberno provincial polos efectos desta dana en Castela a Mancha e Andalucía.
“Estamos en plena disposición e preparados para axudar”, explica Luis Menor, que fai unha chamada a colaboración a través dos cauces oficiais abertos desde as administracións afectadas, entidades financeiras ou organizacións sociais como Cruz Vermella, Cáritas ou o Banco de Alimentos”.
“Síntome orgulloso da sempre rápida disposición da cidadanía a colaborar fronte a calquera traxedia”, afirma o presidente, que non obstante incide en que “a mellor colaboración e máis eficiente é aquela que está coordinada”.
Desde o sistema de emerxencia galego, engadiu, constátase que produtos como auga, comida, roupa ou medicamentos non están entre as prioridades, cargamentos de solidariedade que neste momento só crearían problemas loxísticos en orixe, pero sobre todo en destino, de aí que se pida que toda a colaboración cidadá sexa a través de achegas económicas nos cauces oficiais.