A ‘Noite Meiga’ converteu a Ribadavia nun espazo máxico de referencia do Samaín en Galicia

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A Noite Meiga de Ribadavia concluíu cun éxito rotundo, convertendo unha vez máis esta vila nun espazo máxico e repleto de misterio. A edición deste ano, organizada pola asociación Ribadavia Activa-T e co apoio do Concello de Ribadavia, contou cun amplo programa de actividades que, dende o 28 de outubro ata o 2 de novembro, atraeu a centos de visitantes e veciños de todas as idades, reafirmando a importancia desta celebración para a comunidade e o seu impacto no turismo local. Entre os momentos máis destacados da Noite Meiga, celebrada o pasado sábado, o Desfile Meigo, que percorreu as rúas da vila dende a Fonte de Dous Canos, acompañado por xigantes como Don Pedro e Dona Ana e a Santa Compaña, ademais dos Cabeçudos Meigos, mentres que a Pasaxe do Terror no Castelo de Ribadavia deixou pegada como unha das actividades máis populares, cativando ao público cunha experiencia inmersiva única. A xornada tamén incluíu actuacións de gaitas, os Tabaleiros da Historia, o espectáculo da Queimada a cargo de As Lajartas, e un peche festivo cun vibrante concerto de Mad Martin Trío e o DJ, que fixo bailar aos asistentes ata ben entrada a noite.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O evento ofreceu tamén unha ampla variedade de actividades parellas, como a Exposición de Cabezas e a Exposición de Debuxos na Praza de Abastos dende o 28 de outubro, ademais de concursos de ambientación de locais, nos que o público poderá votar polo mellor decorado. “A Noite Meiga non só revitaliza a nosa cultura, senón que promove o sentimento de unidade e pertenza en Ribadavia,” declaran dende o Concello de Ribadavia.. “O compromiso e a participación dos veciños foron esenciais para o éxito deste evento, que por suposto debe o seu éxito ano tras ano á asociación Ribadavia Actíva-T. Xa estamos desexando que chegue a próxima edición para seguir mantendo viva a tradición do Samaín”. Este evento xa se converteu nunha tradición anual que exemplifica o esforzo da comunidade por preservar as raíces culturais galegas ao tempo que se fomenta o desenvolvemento local.

Os organizadores destacan que a Noite Meiga non é só unha festa, é un testemuño da capacidade de Ribadavia para transformar unha tradición nunha celebración que engade valor turístico e social á vila, consolidándose como unha cita obrigada no calendario cultural da rexión. Un evento que medra ano tras ano,  grazas á implicación dos veciños de Ribadavia, que colaboran na confección dos traxes e na organización das actividades, tal e como apuntan dende a asociación Ribadavia Activa-T.