A área de migracións do Psdeg-Psoe informa da subida das pensións alemás a partir do 1 de xullo nun 4,39% o que beneficiará a milleiros de ourensáns e ourensás

O secretario provincial de migracións, Luís Gulín, lémbralles ao colectivo de retornados, especialmente aos que só cobran pensión alemá e ningunha española, que “deben gardar esa comunicación para a declaración da renda 2023 a presentar o ano que vén, para xustificar os gastos deducibles das cantidades detraídas ás pensións para ter asistencia sanitaria e prestación de dependencia en España”

Ourense, 1 de xuño de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense, a través da secretaría provincial de migracións explica que o goberno alemán vén de informar que a partir do 1 de xullo, as pensións alemás aumentarán un 4,39%. Deste xeito, e tal e como apuntan os e as socialistas “un pensionista que ata o 30 de xuño recibe unha pensión de 1.000 €, recibirá no mes de xullo 1.043,90 euros”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Dende a área de migracións da Executiva Provincial Socialista apuntan a que este aumento “beneficiará a miles de ourensáns e ourensás emigrantes retornados que perciben unha prestación de xubilación, invalidez ou viuvez de Alemaña”. Os e as socialistas apuntan a que ao longo dos meses de xullo e agosto os retornados con pensión alemá recibirán unha comunicación da Deutsche Rentenversicherung informándolles do aumento acordado.

O secretario provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense, Luís Gulín Iglesias, lémbralles ao colectivo de retornados, especialmente aos que só cobran pensión alemá e ningunha española, que “deben gardar esa comunicación para a declaración da renda 2023 a presentar o ano que vén, para xustificar os gastos deducibles das cantidades detraídas ás pensións para ter asistencia sanitaria e prestación de dependencia en España”.

Dende o inicio da campaña da declaración da renda, a secretaría provincial de migracións está a recibir queixas polas cantidades para pagar a Facenda, ao ter dous pagadores, neste caso pensión española e pensión estranxeira. “Unha muller retornada de Suíza declarou ingresos de 15.230 euros anuais e está obrigada a pagar case 600 € en IRPF”, afirma Gulín, que tamén apunta que “ambas pensións non están suxeitas á retención do IRPF, por esa razón insístese, unha vez máis, en informar á Seguridade Social española de querer pagar voluntariamente o IRPF sobre a pensión española para minorar a cota tributaria a pagar”.