“Dende o grupo do PSdeG requirimos información sobre esta nova orde de restrición horaria, tanto nas Xuntas de Área de Medio Ambiente como no pleno ordinario en rogos e preguntas vía solicitude por rexistro. A resposta foi o silencio”, indica a voceira, Natalia González
Á inexistencia dunha ordenanza ao respecto e á falta de información sobre a medida horaria hai que engadir, segundo lembran as e os socialistas, que existe actualmente un déficit de efectivos do corpo da Policía Local
Ourense, 5 de novembro de 2024. As e os socialistas levarán ao vindeiro pleno ordinario do mes de novembro no Concello de Ourense unha iniciativa para solicitar ao alcalde que paralice a súa orde de restrición horaria nos parques públicos e pistas polideportivas ante a ausencia de validez legal e a imposibilidade de levar a cabo o seu cumprimento.
“Dende o grupo do PSdeG requirimos información sobre esta nova orde de restrición horaria, tanto nas Xuntas de Área de Medio Ambiente como no pleno ordinario en rogos e preguntas vía solicitude por rexistro. A resposta foi o silencio, afirmando o propio rexedor a inexistencia de informes que avalen a decisión nin se está debidamente planificada e sendo coñecedores de que non existe ningún decreto ou modificación de ordenanza municipal a tal efecto”, aclara a portavoz dos e das socialistas, Natalia González. E lembra que, ademais, existe actualmente un déficit de efectivos do corpo da Policía Local.
“Nos primeiros días do mes de outubro, cando supostamente entrara en vigor a orde, a policía procedeu ao desaloxo de familias e nenos de espazos públicos coma o Parque San Lázaro, o Parque de San Rosendo e outros da cidade, sen que constaran denuncias, sen que estiveran neses recintos colocados ningún tipo de carteis informativos, cun evidente malestar por parte da cidadanía e con efectivos e sindicatos do corpo da Policía Local esixindo coñecer as ordes concretas, directrices e consecuencias a causa da limitación horaria dos parques e ocupación dos recintos fóra do horario establecido e imposto polo alcalde”, enumera a tamén secretaria xeral do partido en Ourense.
Neste senso, inciden as e os edís do PSdeG en que se trata dunha medida “arbitraria” e “caprichosa” que debería ser consensuada, co resto de grupos políticos e coa veciñanza, ir aparellada de outras alternativas e ter información clara e concisa de onde ou quen vai ter a responsabilidade para o seu cumprimento de ser preciso.
Por todo o descrito, ademais da moción presentada para a que agardan obter o respaldo do resto da oposición, as e os socialistas trasladaron a problemática á Valedora do Pobo cunha queixa formal solicitando a súa intervención urxente e que se poidan adoptar, de ser o caso, as medidas oportunas para corrixir ou regularizar esta situación á maior brevidade posible.
Enlace ao audio con declaracións da portavoz do grupo municipal socialista no Concello de Ourense, Natalia González:
https://drive.google.com/file/d/1JG-rFAH2JaaoJViuF8ZL9ewMxeIbo3fE/view?usp=sharing