A paixón pola fotografía contaxiarase este domingo no corazón do Carballiño coa iniciativa de O Potiños “Pon unha foto na rúa”

Un ano máis, a Asociación O Potiños quere contaxiar a paixón pola arte da fotografía a todos os veciños, veciñas e visitantes do Carballiño. A entidade cultural , en colaboración co Concello, organizou unha nova edición de “Pon unha foto na rúa”, que se desenvolverá este domingo no corazón da vila. Está previsto que na Praza Maior, en horario de 11.00 a 19.00 horas, se realicen retratos a todos aqueles que o desexen. As imaxes serán expostas e regaladas aos participantes.

A Floristería Arual decorará o escenario no que se desenvolverá esta iniciativa que xa está preto de acadar a súa décima edición. O presidente da Asociación Fotográfica O Potiños, Manuel Blanco, anima a toda a cidadanía a participar, xa que ademais se levarán un bonito recordo.

AVANTAR ACTIVIDADES

Cómpre lembrar que a entidade cultural, tamén co apoio do Concello, vén de impulsar o libro “Pulpeiras do Carballiño. Herdeiras dunha tradición”. O traballo homenaxea a estas profesionais e contou coa participación de 30 familias de pulpeiras e ata tres xeracións. Algunhas das súas imaxes xa poden verse nunha exposición no antigo local Hobby Sport, na Rúa Principal. Neste espazo exponse unha trintena de fotografías en formato 50×70.