Alfonso Rueda comprométese a impulsar proxectos para Ribadavia

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O primeiro encontro institucional entre o alcalde de Ribadavia, César Fernández, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, converteuse en realidade nunha xornada de traballo co foco posto no futuro máis inmediato de Ribadavia e rematou cun compromiso de colaboración na ducia de proxectos que o rexedor puxo sobre a mesa. Entre as actuacións e iniciativas trasladadas destaca algunha relacionada co turismo, pero desde unha óptica nova, pois en paralelo pretende a recuperación, difusión e posta en valor da memoria histórica local.  Tamén figuran na axenda do goberno local propostas que teñen que ver coa mellora das infraestruturas e da atención sanitaria en xeral ou, moi en particular, da socio-sanitaria ás persoas maiores. 

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Precisamente, para introducir algunha das iniciativas expostas, o alcalde agasallou ao presidente da Xunta cun exemplar do libro “Lola Touza, a Schindler Galega”, de Vicente Piñeiro, que narra a heroica labor de Lola Touza e das súas irmás Amparo e Julia, quen salvaron a centos de persoas xudías que fuxían do Holocausto, converténdose en símbolos de solidariedade e valentía local. Outros asuntos tratados, dos que en breve se poderán avanzar detalles a medida que avance a súa tramitación, foron a mellora e ampliación de instalacións e infraestruturas municipais, a promoción de vivenda e a rehabilitación no casco histórico, a extensión de servizos básicos municipais ou mesmo a humanización de algunha das rúas máis importantes da vila. 

A reunión concluíu cun forte compromiso de colaboración mutua para sacar adiante todos os proxectos expostos. O presidente da Xunta manifestou a súa vontade de apoiar as iniciativas promovidas polo alcalde de Ribadavia, subliñando que o goberno autonómico colaborará activamente no desenvolvemento e execución dos proxectos necesarios para mellorar a calidade de vida no municipio e conservar o seu rico patrimonio histórico e as iniciativas que unha poboación activa como a de Ribadavia pon en marcha.