O Concello do Carballiño enviou unha patrulla integrada por axentes e un vehículo da Policía Local á zona máis afectada pola Dana rexistrada hai oito días no País Valenciano, dentro dun programa de actuacións coordenado pola Asociación Ugpol, no que participan diversas xefaturas da Policía Local de Galicia. Asemade, a expedición policial tamén transportou diversos produtos tales como mascarillas, luvas ou xel hidroalcohólico, moi necesarios durante estes días para as tarefas de limpeza e desinfeción. Xunto con outras sedes como Lugo, Vigo ou Miño, desprazouse un continxente de axentes para traballar nas áreas afectadas pola Dana, a fin de colaborar en tódolos traballos de acondicionamento das infraestruturas e no abastecemento de víveres e outros materiais aos damnificados, en coordinación cos mandos da Policía Local alí destacados. Estes efectivos permanecerán na zona ata mañá, xoves, día no que está prevista a chegada dunha nova quenda de axentes locaís para substituír aos procedentes de Galicia. No seu primeiro día na zona, os axentes da Policía Local do Carballiño e os seus compañeiros foron destinados á localidade de Paiporta, considerada como zona cero de afectación polas riadas.