A Fundación Ínsua dos Poetas organiza para este vindeiro domingo, coa colaboración do Concello do Carballiño, unha festa popular de magostos con castañas e bica como ingredientes principais e a defensa da lingua galega como bandeira, na paraxe natural ubicada na Esgueva de Madarnás. O evento foi presentado hoxe en rolda de prensa polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e o presidente da fundación, Luis González Tosar. O edil carballiñés fixo un chamamento “a toda a veciñanza para que acuda ata Ínsua dos Poetas e poida desfrutar dun festexo tan noso coma é o dos magostos”. Pola súa banda, Tosar lembrou que “xa van catro edicións de celebración dunha das tradicións gastronómico-culturais que temos na etnografía galega, e quen a súa máxima expresión na provincia de Ourense”.
O obxectivo “é que sexa un magosto para os máis novos, para que eles coñezan esta tradición e poidan seguila mantendo no futuro”, indicou o presidente da fundación. Engadiu que “queremos que sexa tamén unha celebración na lingua propia de Galicia”, reivindicando dese xeito o seu uso ante a situación actual de minoría de galegofalantes rexistrada polas estatísticas. O programa deste magosto dará comezo a partir das 4,30 da tarde deste domingo. 10 de novembro, con xogos e outras actividades lúdicas, e un concerto do músico galego Magín Blanco, para rematar cunha merenda con castañas asadas, bica e bebidas.