A Xunta adxudica en Ribadavia unha vivenda de promoción pública en réxime de aluguer

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, entregou esta mañá as chaves dunha vivenda, en réxime de alugueiro, no casco histórico de Ribadavia, acto no que estivo acompañado polo alcalde do municipio, César Fernández. O delegado territorial explicou que se trata dun inmoble emprazado na rúa Salgado Moscoso, que forma parte dunha promoción de vivendas, construídas pola Xunta. Ten unha superficie 100,93 metros cadrados distribuídos en tres plantas; na planta primeira sitúanse dous dormitorios e un baño, na planta segunda a cociña e o salón-comedor, e na planta terceira o dormitorio principal cunha dobre altura cara o comedor da planta inferior e un segundo baño. A vivenda vai dotada dun sistema de calefacción alimentado por unha caldeira de biomasa e radiadores no interior mentres que os tres dormitorios contan con armarios encaixados, e foi adxudicada en réxime de alugamento, polo que os seus inquilinos abonarán unha renda mensual en función dos seus ingresos.

Manuel Pardo salientou que as persoas beneficiarias xa se poden instalar na vivenda e resaltou que estas actuacións son unha mostra máis do esforzo do Goberno galego para facilitar o acceso a unha vivenda aos cidadáns. Unha das condicións que deben cumprir os beneficiarios é estar inscritos no Rexistro único de demandantes de vivenda, un trámite que se pode realizar en calquera momento do ano. A inscrición pode efectuarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/portada, procedemento VI428C, inscrición no RUDEVI. Tamén pode solicitarse información nas propias oficinas do IGVS. As solicitudes poden presentarse opcionalmente por medios electrónicos ou de xeito presencial a través de cita previa. De feito, a maiores das vivendas de promoción pública, a Xunta habilita varias medidas e programas de carácter social encamiñadas a atender a demanda de vivenda.