Ourense, 13 de novembro de 2024. – O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, visitou a sede da Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia (APETAMCOR) para tratar cos seus representantes diversos temas de interese para o sector.
Entre os asuntos abordados atopáronse a subvencións concedidas para a modernización de empresas privadas de transporte de viaxeiros e de mercadorías por estrada, incluídas no marco do Plan de Recuperación, transformación e resiliencia, financiado polos fondos Next Generation da Unión Europea e xestionado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Estas axudas permitirán aos beneficiarios a instalación de tacógrafos de segunda xeración, que serán obrigatorios para o transporte internacional a partir do 1 de xaneiro de 2025. E tamén comentaron as liñas de axuda para o achatarramento e renovación do parque de vehículos. Neste senso, dende a asociación consideran que este tipo de iniciativas son “moi beneficiosas para o sector”.
Pola súa banda, o subdelegado aproveitou a reunión para facilitarlles información sobre os trámites precisos para a solicitude de instalación de cámaras de seguridade en zonas de estacionamento de camións sitos en diversos puntos da provincia, en resposta a unha petición previa APETAMCOR.
Ademais, dende a asociación trasladáronlle a Santos a súa demanda dun maior contacto entre as distintas administracións públicas, que permita axilizar, entre outras, as xestións precisas para proceder á contratación de condutores e mecánicos estranxeiros. Non obstante, dende este colectivo destacaron o bo funcionamento e a axuda facilitada sempre pola Oficina de Estranxeiría da Subdelegación do Goberno en Ourense.