O Auditorio Manuel María do Carballiño acolle mañá, 16 de novembro e ás 8 da tarde, un concerto da banda de música de Arzúa cun singular repertorio de cancións de rock e pop, e que será de entrada totalmente libre e gratuíta. Esta actuación enmárcase no proxecto “Creasons Rock á Galega”, promovido a iniciativa da Federación Galega de Bandas de Música Populares baixo o patrocinio da Axencia Galega de Industriais Culturais (Agadic). O evento foi presentado hoxe na Casa do Concello carballiñés polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, que estivo acompañado por José Luis Tielas, vicepresidente da devandita Federación. Fenández subliñou que “para nós é importante dar difusión a tódalas actividades culturais que se dan cita no Carballiño e, neste caso, é todo un luxo contar coa banda de música de Arzúa”. Neste sentido, o edil de Cultura fixo “un chamamento a toda a veciñanza para que se achegue ata o auditorio e así poder desfrutar dun espectáculo único de cancións de rock interpretadas por unha banda senlleira”.
Pola súa banda, José Luis Tielas destacou a riqueza musical desta banda de música, “que acadou unha das máximas puntuacións no baremo do proxecto ‘Creasons’ e que xa ten participado en varios festivais internacionais, coma é o caso do Festival da Luz, que a coloca coma unha das máis representativas de Galicia”. A agrupación musical de Arzúa está integrada por un total de 70 instrumentistas, “aos que se engadirán batería, guitarra eléctrica e baixo coma se tratase dunha banda de rock”, apuntou Tielas. O repertorio estará composto por pezas de The Purple, AC DC, Extremoduro, Scorpions, Guns&Roses e outros grupos de rock e pop “facendo un percorrido moi interesante por este tipo de música adaptándoa ao sinfonismo”, concluíu o vicepresidente da Federación.