O PSdeG-PSOE de Ourense esixirá no Parlamento de Galicia a dotación urxente de persoal de Enfermería para os PAC de Ribadavia, Celanova e Verín

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O PSdeG-PSOE de Ourense levará ao Parlamento de Galicia a situación “límite” que viven os PAC da provincia ante o déficit de profesionais da enfermería nos mesmos. As e os socialistas denuncian que actualmente precísanse de 20 enfermeiras ou enfermeiros máis para cumprir coa equiparación da ratio entre médicos e enfermeiras e critican que “unha vez máis, Ourense volve ser a gran discriminada de Galicia en materia sanitaria”. A deputada no Parlamento de Galicia polo PSdeG-PSOE de Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, vén de manter un encontro de traballo con representantes dos sindicatos integrados na Comisión de Centro de Atención Primaria de Ourense. No mesmo puxéronse sobre a mesa os principais problemas actuais do sector da enfermería, que segundo apunta a parlamentaria socialista “non son outros que a falla de efectivos nos PAC e as grandes eivas nas retribucións a aquelas enfermeiras e enfermeiros que traballan nos puntos de atención continuada”.

No transcurso da reunión expuxéronse problemas de gran calado como a discriminación que sofren os profesionais da enfermería dos PAC, xa que tal e como apunta a deputada socialista no Parlamento de Galicia “existen discriminacións retributivas, así como no cómputo da xornada e tamén graves prexuízos en casos de baixas por accidentes laborais ou permisos familiares”. Unha situación, que en palabras de Rodríguez Dacosta “afonda na discriminación sanitaria que vive a provincia da man do Partido Popular e Alfonso Rueda”. Carmen R. Dacosta pon o foco tamén na “ausencia total de equiparación entre médicos e enfermeiras no PAC”, xa que tal e como apunta “debería de ser dunha enfermeira por médico, pero en Ourense temos un déficit de 20 enfermeiras ou enfermeiros, o que provoca que non se respecte a ratio que si se cumpre noutras áreas sanitarias”. Neste senso, a parlamentaria socialista sinala que os centros máis afectados na actualidade “son os de Ribadavia, Celanova e Verín”.

Ante esta situación, o PSdeG-PSOE de Ourense presentará unha proposición non de lei para o seu debate en sede parlamentaria na que insta a cubrir de forma “urxente” este déficit de profesionais da enfermería nos PAC da provincia e a que se negocie coa comisión de centro de atención primaria de Ourense as “xustas” reivindicacións que demanda o colectivo de enfermeiras dos PAC, co fin de que remate a discriminación en xornada e en retribucións”. Rodríguez Dacosta tamén aproveitará para preguntarlle en comisión ao responsable do Sergas, que opte por comparecer, sobre este déficit de profesionais da enfermería nos PAC, sobre a discriminación con respecto ao resto de provincia, sobre cando se vai resolver os problemas nestes PAC, sobre a incorporación destes vinte profesionais que faltan ou se se van sentar a negociar as reivindicacións que manifesta o comité.