Ribadavia acollerá do 6 ao 8 de decembro a feira “Artesanía, saber e sabor” no casco histórico

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, presentaron en Ribadavia a iniciativa “Artesanía, saber e sabor” que terá lugar entre o 6 e o 8 de decembro no casco histórico da capital do Ribeiro. Esta acción abranguerá un mercado de Nadal de Artesanía Alimentaria -xunto aos de Santiago, Lugo e Vigo, os eventos que impulsará antes de final de ano a Consellería do Medio Rural para potenciar este selo de calidade diferenciada-. Ademais, farase promoción de Artesanía de Galicia, xunto cun completo calendario de actividades para todos os públicos. Artesanía, saber e sabor tamén funciona como punto de partida do proxecto Vilas Vivas, que será impulsado pola Xunta no 2025 co obxectivo de reforzar a dinamización do tecido comercial de vilas e cabeceiras de comarcas galegas.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Este proxecto foi presentado na tarde de onte na capela da Madalena de Ribadavia nun acto no que tamén estiveron presentes o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, o director de Agacal, Martín Alemparte, o alcalde de Ribadavia, César Fernández, concelleiros da Corporación e tamén rexedores doutros municipios da comarca do Ribeiro. Durante a rolda de prensa José González explicou que este proxecto busca poñer en valor a artesanía e os produtos alimentarios galegos de calidade diferenciada, explorando novas experiencias para a súa comercialización a través do uso efémero de diferentes locais comerciais do casco histórico da vila -abertos ao público para este evento- e a propia igrexa da Magdalena. Ademais, detallou que ao longo de tres días participarán máis unha vintena de artesáns e obradoiros adheridos á marca Artesanía de Galicia. ⁠

No que atinxe ao mercado de Nadal, segundo explicou a titular de Medio Rural, as expositoras serán pequenas empresas que elaboran e comercializan produtos acollidos a ao selo Artesanía Alimentaria dos diferentes sectores para os que se conta coa correspondente norma técnica. Así, haberá queixos, xeados, mel, embutidos e outros derivados cárnicos, marmeladas e outras conservas vexetais, cervexas, sidra, aceite de oliva, chocolate e derivados do cacao, entre outros produtos. Ademais, o público que visite Ribadavia durante o evento poderá gozar tamén doutras accións que contribuirán a revitalizar o territorio, como obradoiros dirixidos a familias e profesionais, catas, degustacións, baile, música ou sorteos.

Na parte comercial, o evento de Ribadavia servirá como piloto dun proxecto máis amplo que a Xunta impulsará no 2025 baixo o nome de Vilas Vivas, que terá continuidade nesta vila histórica e posteriormente noutras. José González explicou que o principal obxectivo é potenciar o comercio como un motor de dinamización a todos os niveis -económico, social, hostaleiro, turístico…- para revitalizar vilas e cabeceiras de comarca, para o cal, indicou, será fundamental a colaboración e o compromiso co tecido comercial local. Neste senso, explicou que, no marco do proxecto, o propósito é darlle unha nova vida a baixos comerciais en desuso de diferentes cascos históricos para o desenvolvemento de eventos efémeros que atraian visitantes durante as fins de semana, ligando deste xeito comercio, gastronomía, turismo e cultura para ofrecer unha experiencia integral que impulse as cabeceiras de comarca. Estas experiencias estarán abertas á participación de artesáns, bodegas, produtores de Artesanía Alimentaria ou mesmo outlets de moda.