As e os socialistas consideran que para poder baixar o importe dos recibos é de “vital importancia” fomentar a compostaxe, que achegaría unha rebaixa de ata o 30%
Piden que se dea traslado a Xunta da moción do PSOE aprobada en setembro na que pedían que Sogama asumise o coste total do incremento nos recibos do lixo pola súa obsoleta xestión de residuos
Germán García-Ávila explica que a suba “afectará á veciñanza, negocios e industria, pero resulta especialmente dolorosa a repercusión que vai supor para os veciños e veciñas das aldeas”
Viana do Bolo, 18 de novembro de 2024. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo insta ao concello a apostar pola compostaxe para que deste xeito se abarate o recibo do lixo que a veciñanza verá incrementado a partir de 2025 debido ao aumento aprobado por Sogama. As e os socialistas consideran que para poder baixar o importe dos recibos é de “vital importancia” fomentar a compostaxe, que achegaría unha rebaixa de ata o 30%.
O grupo municipal socialista presenta unha moción para o seu debate na sesión plenaria do xoves na que por unha parte insta ao concello a que dea traslado a Xunta da moción presentada polo PSOE e aprobada en pleno, na que pedían que Sogama asumise o coste total do incremento nos recibos do lixo pola súa obsoleta xestión de residuos. Por outra banda, instan a fomentar a compostaxe e que a través de esa rebaixa de ata o 30%, o concello facilite de maneira totalmente gratuíta á veciñanza que estea disposta a tratar o lixo no seu fogar, cubos de compostaxe, principalmente nas aldeas, onde se recolle o lixo con menos frecuencia e onda a suba do recibo vai ser máis acusada proporcionalmente.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, explica que esta suba “implica que a partir de 2025 se vexa incrementado, de maneira moi significativa, o coste que por recollida de lixo ven pagando a veciñanza, supondo no caso de negocios e industria, un incremento aínda máis importante”. Ante esta situación o edil socialista explica que “dende o PSOE presentamos unha moción no pleno de setembro para o mantemento do actual canon por tonelada de residuos xestionada, que foi aprobada, pero tememos que o concello non deu traslado dos acordos á Xunta de Galicia”.
“Resulta especialmente dolorosa a repercusión que vai supor para a veciñanza a suba do recibo do lixo, especialmente nas aldeas”, afirma García-Ávila. O voceiro socialista apunta neste senso que “van ver incrementado o importe dos seus recibos ata en catro veces cunha frecuencia de recollida semanal, cando reciben o mesmo servizo que os residentes na vila, onde a recollida é diaria”. O edil socialista ten claro que “para que Sogama non se vexa penalizada pola directiva europea sobre o tratamento de residuos debe mudar o tratamento dos refugallos, que actualmente é dun 60% de incineración e dun 21% de vertedoiro”.
O consello de administración de Sogama aprobou o pasado 25 de xuño unha “actualización do canón” que factura a 295 concellos galegos pola xestión do seu lixo, pasando a cobrar 66,01 euros por tonelada recollida e anunciando unha suba até os 78 euros por tonelada para o vindeiro exercicio 2025. A Consellería de Medio Ambiente imputa o incremento a “sobrecustos derivados de impostos estatais”, cando o certo é que a planta de Sogama en Cerceda afronta millonarios sobrecustos por mor de privilexiar a incineración (60%) e depósito en vertedoiro (21%), que son as fórmulas menos sustentábeis medioambientalmente, asumindo deste xeito a totalidade das cargas impositivas que, en último termo, derivan dunha directiva europea.