A Xunta adxudica dúas novas vivendas de promoción pública en réxime de aluguer en Ourense e Allariz

O delegado territorial da Xunta entregoulle as chaves aos arrendatarios esta mañá na Delegación Territorial

  • O delegado territorial recorda que os adxudicatarios das vivendas pagarán unha renda mensual que non excede dos cen euros, en función dos ingresos da persoa adxudicataria
  • Gabriel Alén subliña que a Xunta habilita varios programas e medidas de carácter social encamiñadas a atender as demandas de vivenda e recorda a posibilidade de inscribirse no rexistro oficial e único de demandantes de vivenda en calquera momento do ano

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, entregou esta mañá as chaves de dúas vivendas en réxime de alugueiro nos concellos de Ourense e Allariz.

AVANTAR ACTIVIDADES

Concretamente, a de Allariz está emprazada na rúa Irmandade, nº 5 e forma parte dunha promoción de vivendas, construída pola Xunta en 2011. Ten unha superficie útil de 64,18 m2 e consta de salón-comedor-cociña, 2 dormitorios, 1 baño, lavadoiro e un vestíbulo. Tamén dispón de rocho e garaxe.

A vivenda de Ourense, está localizada na estrada de Vigo, Urbanización antiga estación de autobuses, e ten unha superficie útil de 65,00 m2. Consta de recibidor, salón, 2 dormitorios, 1 baño, cociña e tendedeiro, así como dun rocho e garaxe.

As vivendas foron adxudicadas en réxime de alugamento, polo que os inquilinos pagarán unha renda mensual que non excede dos cen euros, en función dos ingresos da persoa adxudicataria.

O delegado territorial explicou que as persoas beneficiarias xa poden facer uso das vivendas de inmediato e resaltou que estas actuacións son unha mostra máis do apoio que mantén o Goberno galego cos cidadáns, para facilitar o acceso á vivenda.

Unha das condicións que se lles esixe aos beneficiarios é estar inscrito no Rexistro único de demandantes de vivenda, un trámite que se pode realizar en calquera momento do ano. A inscrición pode efectuarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/portada, procedemento VI428C, inscrición no RUDEVI, tamén pode solicitarse información nas propias oficinas do IGVS. As solicitudes poden presentarse opcionalmente por medios electrónicos ou de xeito presencial a través de cita previa.

De feito, a maiores das vivendas de promoción pública, a Xunta habilita varias medidas e programas de carácter social encamiñadas a atender a demanda de vivenda.