100 nomes de mulleres que penaron no cárcere de Celanova

----------------------------------------------------------------------------------------------------------
  • O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova documenta os nomes de cen mulleres que sufriron a represión fascista entre xullo do 36 e decembro do 37 na prisión feminina de Celanova, habilitada no edificio dos actuais xulgados que quedará sinalado como Lugar de Memoria nun acto este sábado, 23 de novembro.
  • Por Celanova pasaron María Gómez Del Valle e Salud Torres Díaz, asasinadas no outono de 1937. Tamén Remedios Frías, da Valenzá, nai de Alfonso Gayoso, dirixente do PCE en Ourense; e Florentina Ortega, nai de Felicísimo Pérez, alcalde republicano da Gudiña. E ducias de reclusas anónimas, cinco delas con nenos de meses.

Este sábado, 23 de novembro, Celanova rende homenaxe ás mulleres que sufriron represión no cárcere durante a guerra. Ás 13,00 horas, descobrirase unha placa na fachada do edificio dos xulgados, que albergou a prisión feminina entre xullo do 36 e abril do 38. Honraranse os nomes de 99 mulleres (e cinco crianzas) que o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova documentou nos arquivos, e 1 máis da que hai memoria familiar certa do seu paso pola cadea.

A lista cos nomes de todas aquelas mulleres que, coa información dispoñíbel, foi posíbel documentar até agora, é pública desde hoxe na seguinte ligazón (e figura no anexo a esta nota):

Nos actos, que comezarán ás 11,00 horas na Casa do Concello coas conferencias dos historiadores Rosa Cid Galante e Julio Prada, participarán as familias de María Gómez Del Valle e Salud Torres Díaz -asasinadas en outubro de 1937 despois do seu paso pola prisión de Celanova e tamén da de Bande-. Ademais, Rochi Nóvoa lerá o poema do que se sacaron os versos que figurarán na placa do lugar, sinalado como Lugar de Memoria.

A presidenta do Comité, Celia Inés Feijóo Soto, e a concelleira de Igualdade de Celanova, Teresa Barge Dapía, e o alcalde, Antonio Puga, tomarán tamén a palabra para reafirmar o compromiso da sociedade civil e da institución municipal coa memoria histórica, que ten avanzado moito nestes últimos anos, mais que aínda precisa de maiores esforzos.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Tamén se poden consultar anotacións biográficas sobre algunhas delas nas seguintes publicacións na web do Comité:

19.11.24

09.11.24

Nas imaxes anexasFotografía do cárcere de partido nos anos 30, e debuxo da pomba de Baldomero Moreiras que fará parte da placa.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------