A Banda de Gaitas e Danzas do Irixo participou o pasado sábado en Ribadavia no acto de presentación, por parte da Xunta de Galicia, da declaración do baile e música tradicionais de Galicia como Ben de Interese Cultural (BIC). Neste encontro celebrado no Museo Etnolóxico da capital do Ribeiro, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou que a tramitación desta declaración comezaría hoxe, 25 de novembro, coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
A agrupación xestionada pola Asociación de Gaiteiros do Irixo, cunha pequena representación de 11 integrantes, presentou unha mostra da súa música e bailes tradicionais como colofón do evento. Nun formato de cuarteto tradicional e tres parellas de baile, membros desta escola puxeron en valor o gran traballo de formación que se leva na Banda de Gaitas e Danzas do Irixo, que con máis de 50 alumnos segue apostando pola formación de xeracións futuras, contribuíndo así á divulgación e defensa da nosa cultura e manifestacións artísticas propias.