A Xunta e o concello de Cortegada destinan preto de 110.000 € á urbanización da praza pública de Meréns

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinou o convenio co alcalde da localidade

  • Esta actuación acometerase ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza
  • O Goberno galego destinará 8,6 M€ este ano a seguir apoiando aos concellos neste tipo de obras, un 23% máis que o orzamento reservado a tal fin en 2022

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2023.- A Xunta de Galicia e o Concello de Cortegada acordaron levar a cabo a urbanización da praza pública do núcleo de Meréns, que contará cun orzamento inicial estimado de preto de 110.000 euros, segundo o convenio asinado recentemente pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde da localidade, Avelino Luis de Francisco.

O domingo día 17 no San Amaro: I Mercadillo de Primavera ----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Esta actuación acometerase ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Deste xeito, tal e como explicou Ángeles Vázquez, a Xunta financiará o 70% da obra e o concello asumirá o 30% restante.

Neste caso, o obxectivo é mellorar a accesibilidade a un espazo que na actualidade se destina a aparcadoiro e a actividades sociais como a elaboración de alfombras florais, e ao redor do cal se sitúan varios elementos do patrimonio cultural como hórreos, peto de ánimas, lavadoiro e a Casa Grande dos Sarmiento.

Así, segundo o proxecto, as actuacións, cun prazo de execución previsto de 5 meses, consistirán na renovación do pavimento con lousas de granito silvestre, a canalización soterrada das liñas, a instalación de luminarias LED encaixadas no chan e a construción de bancos de granito e a colocación sobre soleira de formigón.

Durante a sinatura deste convenio, a conselleira lembrou que, desde a posta en marcha do plan Hurbe, mobilizáronse ao redor de 163 millóns de euros para o financiamento de máis de 410 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos, co fin de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas.

No caso deste concello ourensán, xa se acolleron a esta iniciativa actuacións como a renovación do xardín público en Baño do Monte, o acondicionamento da praza do Campo da feira ou a mellora da fonte e lavadoiro de Seixomil, por un importe global de máis de 230.000 euros.

Ademais, a Xunta destinará 8,6 millóns de euros este ano a seguir apoiando aos concellos neste tipo de obras, un 23% máis que o orzamento reservado a tal fin en 2022.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------