A Corporación de Ribadavia dá o visto bó á súa primeira RPT co obxectivo de axilizar a xestión dos servizos cara á veciñanza

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O Concello de Ribadavia deu hoxe un paso histórico coa aprobación provisional polo pleno da Corporación da súa primeira Relación de Postos de Traballo (RPT), un instrumento clave para mellorar tanto a estrutura interna da institución como os servizos que recibe a cidadanía, según se apunta dende o equipo municipal de goberno. Esta iniciativa, á proposta da Alcaldía e avalada pola maioría da representación sindical, responde á “urxente necesidade” de dotar ao Concello dunha organización clara e eficaz, tal e como se recolle no expediente aprobado, según as mesmas fontes do Concello. Coa RPT, o goberno municipal asegura que “se establece unha estrutura organizativa ordenada, xerarquizada e áxil, que marcará un antes e un despois na xestión local. A aprobación deste documento supón un fito que chega con 38 anos de atraso, xa que era obrigatorio para tódalas entidades locais desde o ano 1986”. Esta carencia foi abordada como unha prioridade por parte de actual goberno local, que agora deixa resolta en menos de ano e medio desde a súa toma de posesión.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Actualmente, a plantilla do Concello de Ribadavia está formada por 91 persoas, das cales 74 teñen a condición de persoal laboral e 17 a de funcionarias. “A RPT reorganizará as funcións de todas elas para evitar duplicidades, equilibrar as condicións laborais e facilitar procesos de funcionarización. Así, lograrase unha maior estabilidade e produtividade sen incrementar os custos. Asimesmo, permitirá facer fronte a unha realidade a que non escapa ningunha administración local, como é a redución de persoal na maioría de departamentos por xubilacións, falecementos ou ceses sen que foran repostos por mor das restricións legais, aínda cando en paralelo se producía un continuo crecemento dos servizos asignados aos concellos”, tal e como comentan as autoridades municipais.

Trátase, polo tanto, de racionalizar os recursos dos que dispón o Concello para obter os mellores resultados posibles e de ordenar a nova estrutura municipal para facilitar e optimizar a xestión. Para elo, ademáis de confeccionar un novo organigrama con catro áreas de xestión (Administración Xeral, Territorio, Cidadanía e Cultura, Educación e Deportes), tamén se evitará a coexistencia de postos co mesmo contido funcional, é decir, facendo as mesmas tarefas e coas mesmas condicións de traballo pero con diferentes sistemas retributivos e salarios distintos, e se aumentará a estabilidade do persoal laboral que na actualidade desempeña funcións de persoal funcionario e que así poderá acceder a procesos de funcionarización.Tamén se contempla a creación de novas unidades, entre as que destaca, pola súa repercusión cara ao cidadán, a Oficina de Atención á Cidadanía. Esta resulta da unificación das unidades de rexistro, padrón, estatística e censo nunha soa, moito máis polivalente e adaptada as necesidades reais no eido da administración electrónica.

César Fernández, alcalde de Ribadavia, considera que a aprobación da relación de postos de traballo é “un fito moi importante, xa que nos vai permitir racionalizar e optimizar os recursos humanos municipais ao tempo que, coa nova estrutura orgánica, con catro unidades administrativas, poderemos mellorar a atención á veciñanza grazas á creación dunha unidade administrativa específica de atención á cidadanía”. Tamén lembrou no pleno de hoxe que “era unha demanda histórica do persoal municipal, que ata hoxe nunca contara cun documento destas características para definir funcións e organizar os diferentes servizos”. Esta foi tamén a razón pola que “desde a nosa chegada ao goberno adquirimos o compromiso cos traballadores e traballadoras do concello de aprobar a RPT, que agora convertemos unha realidade”.
“En política -rematou- é moi importante cumprir cos compromisos adquiridos e, nesta liña, hoxe damos un paso moi importante para mellorar a situación laboral dos traballadores e traballadoras do Concello”. En definitiva, esta aprobación marca un cambio transformador na xestión local, reforzando o compromiso do Concello de Ribadavia coa cidadanía, co persoal municipal e coa eficiencia administrativa, conclúen dende o goberno municipal.