O PSdeG-PSOE de Leiro amosa a súa “fonda” preocupación polas obras da ponte da Esperela que acumulan “importantes” retrasos dende que se pechou a mesma o tránsito o día 8 de xullo. As e os socialistas tamén critican o “mutismo” da Xunta de Galicia ante as preguntas rexistradas polo PSdeG-PSOE no Parlamento de Galicia e que 5 meses despois “seguen sen resposta”. O grupo municipal socialista lembran que xa no mes de xullo amosaron a súa “desconformidade” ante a “falla de previsión” do concello e a Xunta de Galicia, xa que as obras foran iniciadas en plena época estival, coincidindo co aumento da veciñanza que reside en Leiro e coa chegada dun maior número de turistas. Unha situación que en palabras da veciñanza “supuxo un gran trastorno á veciñanza, aos comercios, hostalería e negocios e a cidadanía en xeral”.
Tal e como apuntan os concelleiros do PSdeG-PSOE de Leiro, Pedro José González e Manuel Rodríguez Vázquez, a veciñanza “está farta da demora nas obras e de que unha das vías principais de comunicación do municipio, como é a Ponte da Esperela, continúe pechada cinco meses despois”. Neste senso, os edís socialistas apuntan que “a demora nas obras, súmase a ausencia total de información por parte da Xunta, que opta polo mutismo, ante as preguntas rexistradas polo PSdeG en relación a esta actuación”. González e Rodríguez subliñan que o Concello, “actor principal de todo este asunto, ten tamén a súa responsabilidade”, xa que tal e como apuntan “debe esixir a apertura da ponte, o cumprimento de prazos ou incluso trasladarlle á Xunta a necesidade de que a obra fora feita noutras datas”. Os concelleiros socialistas subliñan que “o prexuízo para Leiro está sendo moi grande a todos os niveis para veciñanza, comerciantes, hostaleiros e cidadanía en xeral, xa que a arteria principal de entrada a capitalidade municipal segue pechada e sen trazas de que vai abrir pronto”.
O “silencio e mutismo” da Xunta de Galicia é para o PSdeG-PSOE de Leiro síntoma da “desidia a falla de interese” do Goberno autonómico por unha obra nunha infraestrutura “clave” para o municipio. As e os socialista pídenlle ao concello que “defenda os intereses de Leiro e esixa o cumprimento do prazo das obras” e á Xunta de Galicia que “dea resposta das preguntas feitas polo PSdeG en relación as actuacións na ponte da Esperela”.