O PSOE De Castrelo de Miño esixe unha estación de bombeo que remate cos problemas de arsénico na auga

O PSdeG-PSOE de Castrelo de Miño esixe que o goberno municipal dea dunha vez solucións aos problemas do arsénico da auga, coa construción dunha nova estación de bombeo no río Miño con carácter de urxencia, tal e como veñen reclamando dende fai anos. O Concello publicou un bando nos últimos días no que se facían eco que debido aos altos niveis de arsénico, a veciñanza da zona de abastecemento de Santo Estevo non podía empregar a auga, xa que foi considerada non apta.

Para o Grupo Municipal Socialista esta situación e consecuencia da “desidia” do goberno do Partido Popular en Castrelo de Miño, que en lugar de impulsar a construción dunha captación de bombeo, optaron por pedir o préstamo dun filtro a Deputación que costou 48.000 euros e que tal e como manifestan os socialistas foi un “simple parche que se demostrou non ser efectivo para baixar os niveis de arsénico, xa que volveron a descontrolarse impedindo o consumo da auga”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os socialistas lembran que xa en xaneiro de 2020 presentaron unha moción para que dende o Concello se instase á Xunta de Galicia á construción dunha nova estación de bombeo no río Miño, que dese solución dunha vez por todas os problemas de arsénico na auga que afectan directamente o consumo da mesma no municipio. Denuncian que a pesar de que a moción foi aprobada cos votos do PP “caeu en saco roto e ata o día de hoxe nada se fixo por impulsar un proxecto indispensable para a veciñanza e para un municipio como o de Castrelo, no que abunda o granito e en consecuencia o arsénico”.

A voceira do PSdeG-PSOE en Castrelo de Miño, Catalina González, apunta a que “non é de recibo que a solución do Concello a un problema de saúde pública sexa optar por parches en lugar de dar unha solución definitiva ao problema do arsénico”. Tamén fai fincapé en que “é urxente a construción dunha estación de bombeo, xa que cada día os problemas de arsénico seguen a espallarse por diferentes puntos do municipio, polo que pensamos que é prioritario dar unha solución”.

González insiste en que o problema do arsénico na auga “é un tema recorrente e que volverá a aparecer no futuro pola afluencia de granito na zona” e fai fincapé en que “a todas luces e vendo o que pasou agora, o filtro non é solución para o problema”. Por estes motivos insta ao Concello a que se poña en contacto coa Xunta con carácter de “urxencia” e deste xeito, “proceder a construción da estación de bombeo e captación no río Miño, que dea unha solución definitiva ao problema do arsénico, xa que na auga do río non hai arsénico”.

Para a voceira socialista está claro que o Concello “debe pedir a colaboración das administracións para levar a cabo este proxecto” e manifesta que “namentres se destina 1 millón de euros para tirar e volver a levantar o club náutico, non se aposta por solucionar un problema de saúde pública”. Os socialistas afirman que fai algún tempo o goberno municipal anunciou que pretendía construír unha estación de bombeo, pero tal e como relatan “todo quedou no aire”.