O concello de Ribadavia encarga á Usc o plan de dinamización do centro histórico Ribadavia.

O Concello pretende impulsar o Plan Rexurbe de Ribadavia aprobado pola Xunta, e desta maneira darlle continuidade a aposta que a Xunta fai por Ribadavia, onde adquiriu 6 inmobles no último ano e medio para a súa rehabilitación para vivenda pública.  

Este Plan é o complemento perfecto a todo o traballo feito neste ano e medio, onde desde o Concello estamos traballando na recuperación de zonas e inmobles que se atopan en moi mal estado. 

AVANTAR ACTIVIDADES

 O obxectivo é impulsar o investimento da Xunta en Ribadavia, ao mesmo tempo que se ordena o casco histórico para a súa dinamización. O barrio histórico de Ribadavia debe ser algo máis que unha das mellores zonas monumentais de Galicia, buscamos que sexa unha zona activa para novos residentes pero tamén para equipamentos dotacionais, servizos e novos negocios nunha economía máis diversificada.   

 A Universidade de Compostela (USC) será a encargada de redactar e levar a cabo o Plan de Dinamización de Ribadavia, e farao a través do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e o Grupo de investigación Análise Territorial (ANTE GI-1871) da Universidade de Compostela, liderado por Rubén Camilo Lois González, María José Piñeira Mantiñán e Ismael Yrigoy. 

 O seu obxectivo é deseñar un Plan de Intervención Integral para o núcleo de Ribadavia, que teña en conta as directrices do Plan REXURBE e a realidade urbana, económica e social actual da vila. 

  O Concelleiro de urbanismo e casco histórico, Brais Fidalgo, sinala que este Plan de dinamización pretende lograr unha planificación integral de todo o potencial da nosa zona monumental, que focalice as súas estratexias non só nos procesos de rehabilitación e renovación urbana, senón tamén en procesos de recuperación e rexuvenecemento da estrutura demográfica, a reactivación e diversificación económica, a mitigación dos procesos de vulnerabilidade (económica, social, residencial e ambiental), así como o fortalecemento do sentido de pertenza/identidade.  

Se ben o núcleo urbano de Ribadavia conserva en bo estado o seu casco histórico compacto, e se teñen desenvolvido actuacións de rehabilitación urbana e dinamización turística, obsérvanse procesos de avellentamento, baleirado residencial ou unha elevada especialización da actividade económica, que poden poñer en perigo a dinamización do casco.   

Neste sentido a estratexia de definición de áreas REXURBE impulsada pola Xunta de Galicia a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo amósase como unha ferramenta idónea para poñer en valor as fortalezas do núcleo e convertelo nun espazo vivo, diversificado economicamente e atractivo para residir.   

O Plan de Intervención Integral para o núcleo de Ribadavia, ademais de ter en conta as directrices do Plan REXURBE e a realidade urbana, económica e social actual da vila de Ribadavia, levará a cabo as seguintes actividades:  

1. Caracterización física, económica, social e ambiental do Centro Histórico de Ribadavia.

  a. Recollida de información estatística e análise de indicadores de contextualización da realidade física, social, económica e ambiental do Centro histórico, con indicadores arquitectónicos, urbanísticos ou ambientais. Indicadores de estrutura demográfica. Indicadores de vivenda. Indicadores de actividade económica. Indicadores de vulnerabilidade: económica, social e residencial. Indicadores de modelo de xestión. 

 b. Traballo de campo para a recollida de información de carácter cualitativo. 

c. Deseño e realización dun proceso participativo de cara a detectar necesidades  e deseñar propostas de mellora. 

2. Diagnóstico e definición de estratexias do Plan de Dinamización Integral.

3. Deseño dun programa plurianual de actuacións.  

 Con este plan de dinamización Rexurbe Ribadavia o Concello quere sinalaralle á Xunta os investimentos a realizar nos vindeiros anos, polo que será a folla de ruta a seguir para todos os investimentos comprometidos pola Xunta e do IGVS no REXURBE. O obxectivo que o Concello busca é mellorar integralmente o núcleo histórico de Ribadavia, un dos mellor conservados de Galicia.  Indicar edificios prioritarios e singulares para a súa rehabilitación e recuperación, rúas e zonas comerciais e nas que asentar servizos públicos, e sobre todo revitalizar a zona monumental logrando asentar poboación nova.   

Desde o Concello piden que a Xunta manteña a súa aposta por Ribadavia neste último ano e medio, onde adquiriu 6 inmobles e investiu máis de 354.000 euros, cooperación importante que desde o Concello agradecen profundamente.