Avelino Muleiro: ” A vida, un xogo total”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

“Dormía e soñei que a vida era bela; espertei e advertín que a vida era deber”(Immamuel Kant)

A vida, ese enigma que nos envolve desde o momento de nacer, é un tema fascinante e profundo que intriga a filósofos, científicos e pensadores. É algo tan extraordinario e marabilloso que resulta inefable en si mesma para explicala con palabras. Ela soa se basta para constituír a esencia e o cerne da nosa existencia, así como para demostrarnos que todo o que nos afecta no seu inexorable fluír adquire relevancia substancial, pois incluso o irrelevante no seu constante decorrer ata pode resultar útil. O tempo xoga un papel fundamental na nosa vida porque levanta e enfeita esa plataforma existencial na que chulean os nosos éxitos competitivos e desfilan os nosos fracasos persoais. No clamor dese desfile podemos caer nun sesgo optimista sobrestimando as nosas capacidades de vivir experiencias positivas e subestimando as probabilidades de vivir grandes dificultades.

            Os poetas loaron a vida con tropos como “un soño”, “un frenesí”, “unha ilusión”… Outros acudiron a alegorías, como “un val de bágoas” ou “a vida carece de sentido”, para definila como plataforma de dor e sufrimento, advertindo que non nos podemos esquecer en todo instante do memento mori. Pero por que non mirala como memento vivere (lembra que has de vivir)? Non me merecen ningún respecto nin consideración os que baballoan e renegan da vida catalogándoa como “unha falta de gusto que nin a morte, nin sequera a poesía, logran enmendar” (Cioran); ou que “unha vida feliz é imposible, pois o máis que pode alcanzar o ser humano é unha vida heroica” (Schopenhauer). En Lembranzas subterráneas, Dostoievski confesa a idea de que a vida carece de sentido e que a existencia é absurda.

Estes escepticismos disolventes non deben atenderse nin desacougarnos, porque a experiencia demostra que non hai opción de renderse, senón que cómpre ser atrevido e creativo para xogar as cartas que a propia vida nos facilita.

O xogo da vida

Paulo Coelho, fronte ao pesimismo dos pensadores anteriores, dicía que a vida é un xogo forte e alucinante, onde hai que lanzarse, arriscarse, caer e volver a levantarse. Vivir, pois, consiste nun constante querer subir ao alto de si mesmo, aínda sintíndose insatisfeito cando non teña éxito.

Paulo Coelho

Unamuno interpretaba a vida como ese xogo no que se  enfrontan a conciencia tráxica da morte e o desexo esperanzador da inmortalidade. Esa rivalidade está presente na cancha da vida entre a razón e a emoción (Del sentimiento trágico de la vida).

Voltaire comparaba a vida a un xogo de cartas. Nietzsche analizábaa como un xogo que se caracteriza pola creación e aniquilación constantes, así como onde “a vida se pon en xogo” enfrontándose a si mesma nun proceso de autocrecemento.

En todo caso, a min sedúceme contemplar a vida como un xogo total.

Parece obvio que todo xogo orbita sobre unha elección primixenia. Ninguén está obrigado a xogar o que non lle gusta. Xogar é, por ende, unha decisión persoal. Así que se a vida estivese programada, habería que xogar en cada momento o xogo que o destino nos tivese reservado. Non obstante, estamos plenamente convencidos que en cada momento podemos optar por unha alternativa dentro das múltiples posibilidades que se nos presentan. Iso si, unha vez elixido o xogo que consideramos pertinente, o cumprimento das súas regras é unha esixencia inescusable.     

A vida é en si mesma un xogo, entendido como metáfora, pero tamén como exhibición, expansión, prolongación e desenvolvemento da existencia humana. Todas as persoas practicamos a diario ese xogo esencial, independentemente da forma física e mental na que nos atopemos. Ben é certo tamén que ninguén de nós decidiu previamente practicalo, polo que claramente se vulnera ese principio primixenio da elección. De aí vén a protesta existencialista: “O primeiro paso do existencialismo é poñer ao ser humano en posesión do que é: facer recaer sobre el a responsabilidade total da súa existencia” (J. P. Sartre: O existencialismo é un humanismo). Pero unha vez incorporados á pista, as regras deste xogo impóñense de forma implacable. E cada xogada compútase de modo escrupuloso no curriculum e no haber de cada xogador.

A vida xoga ás veces connosco partidas de azar, que adoitamos cualificar de sorte cando non recoñecemos a nosa intervención na xogada,pero habitualmente as súas partidas son de sagaz habilidade. Os xogos de habilidade ateigan os lances da vida porque nos reclaman estratexias, timing, decisións, actitudes, conduta, exercicio…

Neste xogo total hai que saber celebrar as vitorias e recoñecer as derrotas. Debemos pensar ademais que a vida é a partida máis longa que coñecemos. Non podemos deixar de xogar nin de avanzar mentres vivamos. Por tal motivo, resulta crucial aprender de forma impecable as regras deste xogo para poder vivir en consonancia con elas e ter a coraxe de explorar territorios descoñecidos. Ao ser fiel a un mesmo e vivir con valentía permítesenos descubrir novas oportunidades para crecer. Pero non esquezamos que ese xogo é unha loita constante pola supervivencia e polo crecemento persoal, onde se toman decisións que se adapten ás circunstancias, se superan obstáculos e se interactúa con outros seres humanos. Platón describe na República a vida como un xogo no que os seres humanos participan para conseguir a xustiza e a felicidade. Considera así mesmo que a vida é un xogo no que os individuos deben elixir entre a virtude e o vicio, aínda que o obxectivo primordial consiste en lograr a harmonía e a xustiza na sociedade.

Na práctica diaria, o xogo da vida é, pois, un despiadado oxímoron que, por unha banda, nos permite practicar con autonomía o xogo elixido do momento, do día, da semana, do mes ou do ano, pero que simultaneamente precinta esa idolatrada liberdade de elección nunha caixa de Pandora, atada inexorablemente a un determinismo biolóxico incontestable -xenética- que pode interromper ou modificar o xogo. É, porén, constatable que a liberdade neste xogo vital non é absoluta, senón que está condicionada por un principio biolóxico -xenética- e por varios factores externos -educación, política, economía, crenzas, cultura…-. A pesar de todo, estes factores non nos impiden actuar e tomar iniciativas persoais, aínda que sexan con determinados sesgos.

Non se pode negar neste xogo a presenza latente dunha tensión constante entre os nosos desexos e a obriga de adaptalos non só ás nosas posibilidades biolóxicas, senón tamén ás normas éticas, sociais e culturais. Temos unha liberdade condicionada, que non é o mesmo que un determinismo psíquico ou mental. Os sapiens sapiens somos libres, alomenos a nivel psicolóxico, aínda que a nosa liberdade está sempre sometida ás leis da física e, sobre todo, á bioloxía, que marca a forma e o timing da vida. A mente selecciona o xogo, e a física e a química marcan desde a bioloxía o desenvolvemento desa elección impoñendo as súas condicións particulares. Esa tensión persiste no xogo da vida ata o final da competición.

Con todo, xogar representa unha actividade inmensamente satisfactoria e, habitualmente, desestresante; algunhas veces resulta agonística, pero sempre socializante, entretida, agradable e competitiva. Xogar é competir, ás veces consigo mesmo, como no caso dos solitarios -ler, escribir, proxectar, reflexionar, camiñar…-, pero tamén con outra persoa e incluso con varias -ensinar, enamorarse, facer política, crear família, tertuliar…-.  

            A vida en sociedade xera competencia e mesmo a exterioriza con expresións como “fracasado” ou “perdedor”, que soen estar no xogo entre as máis ferintes e lacerantes emocións. Cando fracasamos resulta doado comprender a nosa frustración, porque é unha emoción negativa que fai acto de presenza no noso interior ao decatarnos que fallamos nun intento buscado. O fracaso é unha emoción que non se pode evitar pois dispón da perspicaz sutileza de inhibir as alarmas dos sentimentos e de escorrerse disimuladamente da nosa vontade. En cambio, si se pode tramitar a frustración de forma intelixente e ata con elegancia se corriximos as nosas codutas no xogo da vida. Corrixense condutas, non emocións. Se o anoxo é moi forte, quizáis o mellor sería expresar que se está molesto. Darse uns segundos para acougarse e non actuar con “cabeza quente”. Aprender das malas xogadas tamén é avanzar, xa que descartamos camiños que non queremos volver a percorrer pola pista.

            O campionato no que competimos de forma obrigada todas as persoas está programado en ligas singulares, cuxa clasificación final vén marcada pola vida biolóxica e mental de cada participante. As regras do xogo da vida están establecidas no estatuto fundacional da sociedade na que vive cada persoa como xogador; en cambio, o timing de cada xogada, os compañeiros e contrincantes de cada partida, as estratexias e as apostas de cada xogo, prográmamolos os mesmos participantes. O máis importante do xogo total está nas estratexias e na utilización dos recursos de que dispón cada participante na competición. Esa estratexia é fundamental porque implica  definir cal vai ser o noso próximo paso, tomar decisións e avanzar cun plan concreto. Ás veces, a nosa estratexia non sairá como esperabamos, pero iso tamén forma parte do xogo. Aprender dos erros e seguir adiante é fundamental.

            No xogo da vida, as nosas decisións afectan frecuentemente a outras persoas. E contar con outros xogadores experimentados que teñen gran mestría por ter participado no xogo antes cá nós, pode ser beneficioso para alcanzar o éxito. Pensemos que practicar este xogo implica firmeza e tenacidade porque, como explicaba Ortega y Gasset, vivir consiste en ter que decidir constantemente.

Estou convencido de que a gran maioria da humanidade, agás raras excepcións, é vítima da adicción a este xogo da vida; moitos incluso gozan da súa práctica coa intensidade dun Alexei Ivanovich, o protagonista da novela O xogador, de Fiodor M. Dostoievski, aínda que sen chegar á súa paixón patolóxica nin ás súas turbulentas manobras lúdicas.

            Dignas de eloxio son todas as persoas que con cartas irrelevantes ou con fichas inadecuadas son capaces non só de competir ao máis alto nivel, senón de liderar a clasificación nas súas respectivas competicións. Que mellor premio que o recoñecemento da súa afouteza e actitude competitiva se lles pode conceder a esas persoas con redución das súas facultades físicas ou psíquicas, pero que grazas ao seu tesón e á súa rexa vontade logran encabezar a pole clasificatoria? A súa actitude é argumento contundente para demostrar o marabilloso que é este xogo.

               Ás veces tropezamos con relatos que interpretan o xogo da vida como unha guerra, na que se contabilizan batallas con éxitos e fracasos, con etapas de avance e de retirada, de ataques e de trincheiras, con perdas de mandos e con toma de reféns, con situacións de distensión e con momentos de choque… Toda unha metáfora agonística que reflicte a esencia da vida baixo a visión hobbesiana do homo homini lupus, coñecida expresión recollida de Plauto.

               Importúname e amólame esa visión belicosa e militarista da vida porque nos desploma sobre o labirinto dun tráxico pesimismo que nos intimida con angustias finxidas e con temores imaxinarios. A vida resulta apaixonante e divertida porque permite mesturar o útil co doce, o amor coa paixón, a amizade coa simpatía, a saúde co optimismo, o talento coa imaxinación… así como casar o fracaso coa desilusión, a dor coa pena, o odio co repudio, o divorcio coa inimizade…

            O estilo de vida marca a estética do xogo de cada competidor, xa sexa creando ao seu redor simpatizantes e siareiros que aplauden, admiran e imitan a forma elegante e nobre de xogar, ou xerando fanáticos exaltados que critican e rexeitan a forma de xogar de quen utiliza técnicas soberbias e arrogantes, saturadas de tácticas tramposas,  egoístas e faltas de empatía.

            Neste xogo hai unha eiva evidente, que é a ignorancia do final da partida. Ningún xogador coñece o tempo programado para completar a competición. E iso, ademais do estrés que produce, implica un serio compromiso e moita responsabilidade en cada xogada para acumular puntos na clasificación final.

            En calquera competición lúdica, os xogadores adoitan enfrontarse a etapas e a situacións complexas e difíciles, como lesións, expulsións, sancións, baixas de forma… E saben que deben repoñerse e superalas canto antes. O mesmo acontece na vida cando alguén encara un divorcio, a perda dun ser querido, un desafiuzamento, unha ruptura sentimental, un suspenso académico… pois apelando a todos os seus recursos ten que achar a súa pronta solución se non quere ver frustrado o seu pretendido éxito na competición.

            A diferenza de todas as outras competicións e de calquera outro tipo de xogo, este xogo é total e ten unha soa edición, que resulta irrepetible e irrecuperable no caso de ser eliminados antes de tempo. Por ende, no caso de fracasar nesa clasificación final, non hai posibilidade de repesca.

            Esta é unha competición sen deseño nin programación previa, pois depende de cada xogador a elección de alternativas que o xogo lle ofrece e das solucións ad hoc en cada unha. Pretender controlar todo no xogo e en todo momento é unha pretensión máxica e irracional.

            A maioría das cartas e fichas da vida chegan repartidas ao azar; outras búscanse na baraxa ou no montón de fichas coa ilusión de conseguir os ases ou os comodíns que permitan triunfar en cada envite, pero iso depende da capacidade e da habilidade para conseguilos.

Final do partido

Cando o xogador acade o final na súa competición particular, a súa puntuación derradeira contabilizará todos os puntos acumulados do xogo; e de conformidade co resultado final, o xogador recibirá o título de excelencia, éxito, fracaso, boa persoa, respectuoso/a, modélico/a, exemplar, un máis, un ninguén… O sistema estatutario de puntuación valora a coherencia e o respecto nas xogadas, o uso dos recursos en cada partida, a empatía co resto do equipo, o adestramento, as propostas estratéxicas…

            O partido remata co final da vida. É nese preciso momento cando se cerra para cada xogador o seu singular museo, en cuxas vitrinas lucirán todos os trofeos conquistados ao longo da competición. A partir dese instante, as persoas interesadas -familiares, amigos, colegas, coñecidos, simpatizantes…- poderán visitar, contemplar e comentar a traxectoria dessa persoa que practicou o xogo total.

Pero mentres non chegue ese final, hai que seguir competindo constantemente coa ilusión de lograr novos trofeos para ampliar as vitrinas nas que finalmente serán colocados. Así que:

Fagan xogo!


Outros artigos de Avelino Muleiro:

Artigo: ” Avelino Muleiro: “Se a vida estivese programada” “

Avelino Muleiro:”Os novos Retablos das Marabillas”

Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (V): ”Preguntas incómodas antes da despedida”

Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (IV): ”As investigacións de Charles Darwin, prolegómenos da teoría da evolución”

Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (III)”.O secuestro de tres foguinos

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (II)”. Darwin, os foguinos e o espectáculo da Natureza”

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (I)”

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (II). A soidade psicolóxica “

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (I). A soidade na filosofía “”

Artigo: “Avelino Muleiro: “Perdón, rancor e cicatrices””

Artigo: “Avelino Muleiro: “A mentira como ascensión do nihilismo””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Mi Buenos Aires querido…””

Artigo: “Avelino Muleiro: “O erro categorial nas Ciencias Sociais (II) A orixe filosófica do fetichismo das ideas””

Artigo: ” Avelino Muleiro: ” O erro categorial nas Ciencias Sociais (I) O fetichismo das ideas””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Mundos acoplados””

Artigo: “Avelino Muleiro. Náufragos posmodernos nunha realidade virtual (III): A ciencia como táboa de salvación “

Artigo: “Avelino Muleiro: “As profecías da actual situación de naufraxio posmoderno (II)””

Artigo: “Avelino Muleiro:”Náufragos posmodernos nunha sociedade ideoloxizada (I)””

Artigo: ” Avelino Muleiro:” Do xene egoísta ao algoritmo suicida””

Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (II) A ética ao rescate”

Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (I) A ética ao rescate”

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Cultura e Viño “”

Artigo: ” Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (II)” “

Artigo: “Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (I)””

Artigo: “Avelino Muleiro: As pseudociencias e a medicina convencional”

Artigo: “Avelino Muleiro: A vileza dos novos deuses fatuos do Olimpo”

Artigo: “Rebelión sentimental do amor contra o control lóxico da razón (II)”

Artigo: “Rebelión emocional da amizade contra o control lóxico da razón (I) “

Artigo: “Sofismas e falacias, torpedos do discurso lóxico”

Artigo: ” Festa da filosofía no metaverso “

Artigo: “Tempos de frio moral”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (II)”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (I)”

Artigo: “Avelino Muleiro: O bico envelenado de Casandra”

Artigo: “Avelino Muleiro: A ocorrencia como contraargumento político”

Artigo: “Avelino Muleiro: Rebelión na caverna”

Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””

Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “

Artigo:” Filosofía delenda est “

Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “

Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”

Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “

Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “

Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “

Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “

Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “

Artigo: ” Pienso, luego Resisto “

Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.