Avelino Muleiro: “Se a vida estivese programada”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Se a vida estivese programada desde o principio, gozariamos de innegables vantaxes innatas, similares ás que nos ofrecen os sentidos cos qualia, e eludindo os esforzos cos que esa falta de programación nos penaliza, como o de preocuparnos pola saúde, atendernos a dieta alimenticia, angustiarnos por evitar os accidentes e por pagar os seguros que os cubran, deprimirnos por non atopar un traballo, arrepentirnos de aceptar amizades que logo nos insultan e traizoan… Con todo, a perda de todo o que nos sentiriamos privados sería inmensamente superior ás vantaxes da programación, porque deixariamos de rendibilizar as nosas capacidades intelectuais e xenéticas, de explotar as nosas iniciativas e proxectos, de elixir as nosas amizades aínda que nos decepcionen, de escoller as nosas parellas sentimentais, de optar por unha profesión, de aceptar a orde moral e social establecida ou mesmo de transgredila…

Se a vida estivese programada, o final da nosa vida -a morte- poderíase coñecer con moita antelación igual que se coñece con bastantes anos de anticipación un eclipse de sol ou de lúa. Así, a vida convertiríase nun asunto exclusivamente científico seguindo aquela idea do principio determinista científico por excelencia -demonio laplaciano- proposta polo astrónomo Pierre Simon de Laplace (1749-1827), discípulo de Newton. Segundo o determinismo de Laplace, se algunha intelixencia (Demo) coñecese a localización precisa e o momento de cada átomo no universo, os seus valores pasados e futuros para calquera tempo dado serían deducibles deses datos; é dicir, poderían ser calculados polas leis da mecánica clásica. A morte de cada ser humano poderíase calcular, evidentemente, igual que o nacemento.

            Se a vida estivese programada, faltaríanos a liberdade, ese prezado tesouro constantemente reivindicado na política e na vida social, xa que unha programación determinista nos mutaría nun metaverso de avatares transformados en marionetas na roda do destino de cada persoa.  

Se a vida estivese programada, sería imposible a ética, inviable a lei e impracticable a xustiza, dado que desaparecería a responsabilidade para deixar paso a un imperial determinismo que se imporía como algo fatal e necesario.

Se a vida estivese programada, tería xustificación a predestinación calvinista, pois sería consecuencia lóxica dun determinismo teolóxico onde Deus programaría o destino final de cada persoa. A doutrina da predestinación, profundamente defendida por Calvino, está enganchada no determinismo metafísico, ao afirmar que antes da creación do mundo Deus decidiu o destino eterno de todas as criaturas racionais.

Pero a soa contemplación desa posibilidade, a quen non lle produce un pavoroso arrepío nos seus propios alicerces psíquicos, convencidos de que a vida é un compromiso constante e un persistente escoller? 

            Non obstante, esa defensa pertinaz dunha programación determinista da vida humana non só emerxe nos últimos séculos, senón que foi nas mesmas orixes da filosofia grega -Demócrito, Leucipo-, na mitoloxía e nos estoicos onde podemos achar os alegatos mellor ganduxados. Platón evoca mitos –Er, o armenio (República), Tiro alado (Fedro)- para extraer argumentos e posicionarse de forma inapelable nese proxecto antropolóxico determinista.  

            No mito de Er selecciona o momento no que as almas, despois de mil anos no alén, saen do Tártaro -mundo subterráneo- para elixir unha nova vida. Cando contemplan diferentes maneiras de vivir, deben optar por unha, pero lembrando o pasado da súa vida anterior deciden tomar unha similar. Desa resolución vai depender a seguinte vida no mundo sensible. “Velaquí o que proclama a moira Lachesis, filla da Necesidade: “Almas efémeras, ides empezar unha nova carreira e renacer á condición de mortal. A vosa sorte non a vai sacar un xenio, senón que vós mesmos sodes os que ides escoller o voso destino”” (Platón: República. Lib. X).

            No diálogo do Fedro, Platón propón o mito do Tiro alado, explicando como as almas, antes de encarnarse nunha vida humana, viaxan polo hyperuránion -mundo das ideas- nun carro tirado por dous corceis, un de boa raza e obediente ao auriga, e o outro indisciplinado e rebelde. As almas van contemplando nesa viaxe un determinado número de ideas e, dependendo do número e da clase de ideas que contemplen, encarnaranse nun corpo acorde coas ideas vistas. Polo tanto, a súa vida vén programada antes de nacer.

No Fedón, o fundador da Academia segue xustificando a programación da vida humana valorando a vida anterior, unha vida que despois da morte recibe a súa sanción correspondente, que deberá consumar -acorde coa forma de vida que levase na vida anterior- nalgunha das concavidades da Terra onde se abren profundos abismos. As almas dos filósofos que viviron conforme á xustiza e á virtude son conducidas á rexión etérea onde viven os deuses. As almas dos mediocres, que levaron unha vida vulgar, son embarcadas no río Aqueronte e conducidas á lagoa Aquerusia para expiar as súas culpas, e desde alí regresan outra vez para repetir unha nova vida copiando o modelo da vida anterior. En cambio, os grandes criminais entran no Periflégeton, lugar de tortura, para purgar as súas culpas e retornar máis tarde a reencarnarse na vida dun malvado.  

Anos despois de Platón, aparecen os estoicos, unha escola fundada no século III a. C. por Zenón de Citio, que seguindo a teoría de Demócrito e de Heráclito consideraron que o ser humano forma parte da Natureza e debe comportarse seguindo as leis que rexen o universo. Esas leis marcan o destino (ανανκη)  de cada persoa. “Vivín e percorrín o camiño que o destino me tiña marcado” (Son as palabras do estoico Diodoro antes de suicidarse, recollidas por Virxilio na Eneida). O sabio, confesaba Séneca, declárase emocionalmente resistente á desgraza, e nesa virtude de resistencia consiste a felicidade.

Epicuro rebelouse activamente contra ese determinismo avasalador procurando suprimir no ser humano o temor ao destino. Desde o seu punto de vista, toda a realidade está formada por átomos, que se moven no baleiro por un movemento eterno en forma de remuíño. A súa caída natural é vertical e rectilínea, o que permite coñecer e prever a situación das cousas en cada momento como consecuencia do determinismo físico. Pero, ademais dese movemento natural dos átomos, Epicuro introduciu outro movemento máis sutil que denominou movemento de declinación (clinamen), que permite a certos átomos desviarse da vertical e axustarse a outros movementos. Estes movementos serían propios dos átomos dos que está formada a mente humana, e lle permitirían afastarse do movemento vertical sobre o que pivota o determinismo físico.  

E non podía faltar Nietzsche neste debate. El suplícame intervir para negar a liberdade, apelando ao eterno retorno dos gregos. O seguinte texto expresa con nitidez a súa aposta: “Que pasaría se un día ou unha noite un demonio se deslizase disimuladamente na máis solitaria das túas soidades e che dixese: “Esta vida, tal e como ti agora a vives e como a tes vivido ata o momento, deberás vivila outra vez e innumerables veces, e non haberá nela nada novo, senón que cada dor e cada pracer, cada pensamento, cada suspiro e cada cousa indiciblemente pequena e grande da túa vida deberá retornar a ti, e todas na mesma secuencia e sucesión… O eterno reloxo de area da existencia invértese sempre de novo e ti con el, granciño de po!”” (Nietzsche: A Gaia ciencia).

Na actualidade, agroman algúns pensadores que desde a súa perspectiva científica pretenden recuperar ese determinismo clásico negando o libre albredrío. É o caso do biólogo e neurocientífico Robert Sapolsky, da universidade de Stanford, quen nestes últimos anos xustifica desde a bioloxía o programa determinista de toda a conduta humana. Considero, porén, que esa opinión é unha voz extra corum dentro da neurociencia, pois por moito que intente introducir as súas opinións bioloxistas no mercado intelectual, os compradores de ideas veno bastante desafinado… E moito máis con exemplos como os que propón nunha recente entrevista: “o mellor adiviño para saber se un xuíz lle concederá a condicional a un preso ou lle enviará de volta ao cárcere será cantas horas pasen desde a última comida do xuíz. Os xuíces son máis benévolos xusto despois de comer. Se aínda non comeron, o preso vólvese directo a prisión”.

Mario Bunge refusaba estas teorías bioloxistas e defendía a idea de que o libre albedrío existe, evidentemente, pero é unha propiedade emerxente do sistema cerebral, unha orde espontánea que non segue as leis da causalidade da materia.

A opinión de Sapolsky ensambla co materialismo reducionista, teoría defensora de que os estados mentais poden reducirse a estados físicos. Os reducionistas opinan que as nosas ideas, crenzas e desexos non son máis que configuracións físico-químicas ou neuronais do cerebro. O que non explica Sapolsky nin o materialismo reducionista é a orixe da conciencia (consciencia), ese saber que se sabe. É doado explicar en neurociencia en que parte cerebral se elabora, por exemplo, a percepción da cor vermella dunha rosa, ou o sabor doce dunha cereixa; pero en que parte cerebral se realiza a autoconciencia, ese modo de “saber que sabemos” que a rosa é de cor vermella e a cereixa é doce? De momento, a neurociencia aínda carece de resposta para esta pregunta. Com todo, precisamente é esa autoconciencia a sede da liberdade.

O materialismo reducionista oponse, entre outras teorías, ao dualismo mente-corpo, xa que ese dualismo considera que a mente e o corpo son entidades separadas, pero a mente non pode ser reducida a procesos físicos. O caso máis evidente da defensa dese dualismo é Descartes, adaíl de que o mental pode existir fóra do corpo (Cogito, ergo sum) e de que o corpo non pode pensar. Ese materialismo reducionista desaproba igualmente o emerxentismo (Mario Bunge), paradigma filosófico que reivindica que os sistemas complexos presentan propiedades que non se poden explicar pola suma dos seus elementos individuais, como é o caso da conciencia, que non se pode explicar por sinapses neuronais nin por ningún lóbulo cerebral.

Pero o determinismo é tamén un enfoque reducionista da historia segundo o cal unha causa única vale de explicación suficiente da complexa diversidade de acontecementos históricos. “Nun primeiro momento, a historia copiou da física clásica, determinista, para ser considerada ciencia, descoidando conceptos como o cambio e a subxetividade”, escribía o filósofo da ciencia e historiador Thomas Kuhn.

Prefiro para esta viaxe a compañía de pensadores como Descartes ou Kant que reclaman e defenden a liberdade humana ou libre albedrío, esa facultade que emerxe dentro da autoconciencia na que cada persoa nos decatamos de saber que podemos elixir o que queremos. Aínda que non o logremos…

“Somos libres cando os nos actos emanan da nosa personalidade” (Bergson)

 “A liberdade da nosa vontade coñécese sen necesidades de ningunha proba, é suficiente a experiencia que temos dela” (Descartes: Principios da filosofía, I, 39)

 “A liberdade non se acredita pola miña intelixencia, senón polos meus actos. Na preocupación polo ser da liberdade xa se inclúe a actividade pola que a liberdade se realiza” (K. Jaspers: Filosofía)

“Como ser racional e, polo tanto, pertencente ao mundo intelixible, non pode o ser humano pensar nunca a causalidade da súa propia vontade senón baixo a idea da liberdade… Coa idea de liberdade atópase inseparablemente unido o concepto de autonomía” (Kant: Fundamentos da filosofía dos costumes, III).

Para o filósofo idealista Johann G. Fichte, o eu (ego) posiciónase a si mesmo nun acto de liberdade absoluta, independente de toda determinación natural.

“La única normalidad cultural compatible con la libertad es aquella situación en la cual cada ciudadano decide por sí mismo los contenidos culturales que prefiere, y el Estado se limita a tomar nota de ello, sin pretender manipular los cerebros mediante política cultural, religiosa o lingüística alguna” (Jesús Mosterín: La naturaleza humana).

“Si nuestros actos dependiesen de causas o factores previos, no seríamos “libres” ni responsables de nuestras acciones, por lo que no podríamos pecar ni delinquir” (J. Mosterín: La cultura de la libertad)

“La mayoría de los pensadores laicos ha negado completamente la posibilidad del libre albedrío, lo cual, desde luego, contradice nuestra experiencia cotidiana de realización de elecciones sin compulsión externa… Otros, aun -por ejemplo, Spinoza, Hegel y Engels- han considerado que la libertad no es más que “el conocimiento de la necesidad”, un mero sofirma” (Mario Bunge: Filosofía política).

Todos estes pensadores ofrecen os seus argumentos para reivindicar a evidencia da liberdade ou libre albedrío. A pesar desa defensa, admiten que a liberdade non é absoluta, senón condicionada por múltiples causas e factores: desde o xenoma que herdamos e o cerebro que temos ata a educación e as influencias culturais que recibimos, pasando polas hormonas, os estímulos, as emocións, os razoamentos e os prexuízos. Esa liberdade condicionada oponse radicalmente ao determinismo e á programación previa.

Se a vida estivese programada, as emocións e as ideas, a saúde e a enfermidade, a felicidade e o infortunio serían situacións con solucións absolutamente inevitables. Non debemos aceptar, por ende, esa programación a priori da vida, cargada de pesimismo existencial e dunha abxecta degradación das capacidades humanas. Como creo plenamente en que a vida non está programada, confío nos nosos estados afectivos e nas nosas ideas como dependentes exclusivamente de nós. Así, podemos elixir como forma de vida o estoicismo ou o epicureísmo, o budismo ou o cristianismo, o keynesianismo ou o liberalismo de Adam Smith, o racionalismo ou o empirismo, a prosa ou o verso… E, da mesma forma, podemos pretender que o noso estado de saúde e os posibles episodios das nosas enfermidades dependan nunha alta porcentaxe da nosa responsabilidade e non só da nosa xenética. Confiemos en nós como creadores da nosa forma de vida, porque iso nos dá unha enorme tranquilidade, pero tamén unha inmensa responsabilidade. Se a vida estivese programada, o modelo existencial -psicolóxico, profesional, económico, cultural, etc.- de cada persoa non sería electivo, senón estocástico.  Sucedería por azar. E nese caso, non poderiamos impedir o que nos suceda, sexa bo ou malo.


Outros artigos de Avelino Muleiro:

Avelino Muleiro:”Os novos Retablos das Marabillas”

Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (V): ”Preguntas incómodas antes da despedida”

Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (IV): ”As investigacións de Charles Darwin, prolegómenos da teoría da evolución”

Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (III)”.O secuestro de tres foguinos

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (II)”. Darwin, os foguinos e o espectáculo da Natureza”

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (I)”

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (II). A soidade psicolóxica “

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (I). A soidade na filosofía “”

Artigo: “Avelino Muleiro: “Perdón, rancor e cicatrices””

Artigo: “Avelino Muleiro: “A mentira como ascensión do nihilismo””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Mi Buenos Aires querido…””

Artigo: “Avelino Muleiro: “O erro categorial nas Ciencias Sociais (II) A orixe filosófica do fetichismo das ideas””

Artigo: ” Avelino Muleiro: ” O erro categorial nas Ciencias Sociais (I) O fetichismo das ideas””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Mundos acoplados””

Artigo: “Avelino Muleiro. Náufragos posmodernos nunha realidade virtual (III): A ciencia como táboa de salvación “

Artigo: “Avelino Muleiro: “As profecías da actual situación de naufraxio posmoderno (II)””

Artigo: “Avelino Muleiro:”Náufragos posmodernos nunha sociedade ideoloxizada (I)””

Artigo: ” Avelino Muleiro:” Do xene egoísta ao algoritmo suicida””

Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (II) A ética ao rescate”

Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (I) A ética ao rescate”

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Cultura e Viño “”

Artigo: ” Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (II)” “

Artigo: “Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (I)””

Artigo: “Avelino Muleiro: As pseudociencias e a medicina convencional”

Artigo: “Avelino Muleiro: A vileza dos novos deuses fatuos do Olimpo”

Artigo: “Rebelión sentimental do amor contra o control lóxico da razón (II)”

Artigo: “Rebelión emocional da amizade contra o control lóxico da razón (I) “

Artigo: “Sofismas e falacias, torpedos do discurso lóxico”

Artigo: ” Festa da filosofía no metaverso “

Artigo: “Tempos de frio moral”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (II)”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (I)”

Artigo: “Avelino Muleiro: O bico envelenado de Casandra”

Artigo: “Avelino Muleiro: A ocorrencia como contraargumento político”

Artigo: “Avelino Muleiro: Rebelión na caverna”

Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””

Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “

Artigo:” Filosofía delenda est “

Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “

Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”

Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “

Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “

Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “

Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “

Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “

Artigo: ” Pienso, luego Resisto “

Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.