A Carballa da Rocha convértese no quinto monumento natural de Galicia en contar cun plan de xestión para garantir a súa preservación na vindeira década

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Ángeles Vázquez avanza que inclúe un programa de actuacións que prevé un investimento de preto de 350.000 euros nos próximos dez anos

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Incide en que o obxectivo desta iniciativa é compatibilizar a protección da súa contorna co seu uso público así como identificar os valores a protexer, o seu estado de conservación actual e os posibles riscos que lle poidan afectar

Rairiz de Veiga (Ourense), 28 de novembro de 2024

A Carballa da Rocha convértese no quinto monumento natural de Galicia en contar cun plan de xestión para garantir a súa preservación, que inclúe un programa de actuacións que prevé un investimento de preto de 350.000 euros na vindeira década.

Segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a visita que realizou a este espazo protexido que se localiza en Rairiz de Veiga, o obxectivo deste instrumento de planificación é compatibilizar a protección da súa contorna co seu uso público así como identificar os valores a protexer, o seu estado de conservación actual e os posibles riscos que lle poidan afectar.

Deste xeito, a través do plan de xestión, cuxa publicación no Diario Oficial de Galicia está prevista para antes de que remate este ano 2024, establécense os usos e as actividades permisibles nos ámbitos turístico, investigador, educativo ou de aproveitamentos gandeiro e forestal. Ademais tamén incluirá as limitacións e medidas que se consideren necesarias para a conservación do espazo e a preservación dos hábitats e das especies.

Nesa liña, Ángeles Vázquez fixo fincapé en que este plan recolle como unha das medidas a desenvolver a compra dos predios nos que medra a Carballa da Rocha. A previsión é adquirir no futuro máis de 6.200 metros cadrados co obxectivo de garantir a súa correcta conservación ao converterse en patrimonio público.

A maiores, a representante autonómica indicou que este plan de xestión establece que se levarán a cabo un seguimento fitosanitario de todo o conxunto de árbores para conservar a súa saúde vexetal, un programa continuo de erradicación de especies alóxenas, a elaboración dun plan de acción da paisaxe para esta contorna e o desenvolvemento dun estudio sobre os posibles efectos do cambio climático sobre este espazo protexido.

Ademais, tamén comprende a creación de novo material divulgativo, a corrección de impactos paisaxísticos na contorna así como a posta en valor da romaría da Saínza, que é unha festa tradicional, declarada de interese turístico galego, moi vinculada a este monumento natural.

Espazo protexido

O nome de Carballa da Rocha fai referencia a un exemplar de carballo (Quercus robur) de notoria singularidade e beleza, o cal será obxecto dunha protección especial polo seu interese científico, histórico-cultural e paisaxístico. A árbore presenta un porte considerable, cun perímetro a unha altura estándar de 1,30 m de 6,90 m, bifurcándose aos 7 m de altura en dous eixes de grandes dimensións ata alcanzar unha altura de 33 m.

Cabe destacar tamén a importancia social e histórico-cultural da Carballa da Rocha pola súa proximidade á capela da Virxe da Mercé, lugar de celebración de importantes romarías e por ser protagonista de numerosas lendas e contos populares na zona.

A Carballa da Rocha é o quinto monumento natural da Comunidade que conta cun plan de xestión logo dos aprobados para a Praia das Catedrais, o Souto da Retorta, a Fraga de Catasós e Pena Corneira.