A cita anual coa entrega dos ‘Galardóns da Arenteira’ desenvolveuse con intres de ledicia e, tamén, con moita emoción, nun Auditorio Manuel María do Carballiño no que poucos escaños quedaron baleiros. Uns premios que acadan a súa 13ª edición impulsados polo Grupo Cer&Ber, e cos que se recoñecen aquelas entidades e persoas que pola súa adicación, traballo e esforzo teñen demostrado unha traxectoria senlleira nos eidos da cultura e do deporte e da propia superación persoal nas comarcas do Ribeiro e do Carballiño. Unha gala que foi presentada pola carballiñesa Raquel Domínguez, xornalista da TVG, e que contou coa asistencia de autoridades locais e provinciais, familiares dos galardoados e unha nutrida presenza do alumnado das Escolas Deportivas de Maside, unha das entidades premiadas. A amenización musical correu a cargo do dúo Felisa e Xoán e do grupo de folclore celta Tor. Tra-la introducción de Uriel Bernárdez en representación do Aparthotel Arenteiro e do Grupo Cer&Ber, deuse lectura a acta do xurado dos premios, cuxo presidente, José Luis Sobrado, intervíu a continuación.

Precisamente, cumplíase un mes dende que o xurado se reunira para decidir otorgar os ‘XIII Galardóns da Arenteira’ á Agrupación Cultural Avantar, na modalidade de investigación e cultura; ás Escolas deportivas ‘Terras de Maside’, en deportes; á Sandra Vázquez Estévez, en superación persoal; e, finalmente, José Luis Sobrino Rodríguez leva o galardón a título póstumo. Así, o primeiro en recoller o premio foi Juan Romero, de ‘Terras de Maside’, das mans de Claudia Sieiro e Laura Fernández, alumnas do Club Aehde de patinaxe artística, galardoado na pasada edición. O xurado valorou o traballo desenvolto polas escolas deportivas de Maside e a súa implicación a prol da formación da nosa mocidade.

De seguido, Ricardo Paz, de Cine Club Carballiño, premiado en 2023, foi quen de entregar o galardón a Reme Forneiro, da Agrupación Cultural Avantar, un colectivo implicado ao longo de medio século na vida cultural e social do Carballiño, según destacou o xurado. Un dos momentos máis emotivos viviuse cando José Luis Sobrado entregou a Mari Carmen Sánchez Hermida o galardón a título póstumo para José Luis Sobrino, falecido o ano pasado, e que foi “un exemplo de coraxe, afouteza e ilusión, que transmitía a compañeiros e afección” na súa dilatada carreira como futbolista en equipos coma C.D. Arenteiro, C.D. Ourense ou Bergantiños, e así foi recoñecido polos integrantes do xurado.

Tampouco estivo exento de emotividade o intre no que o presidente do Grupo Cer&Ber, Manuel Bernárdez, entregaba o galardón de superación persoal a Sandra Vázquez Estévez. Unha alumna do IES Chamoso Lamas do Carballiño da que o xurado valorou “a súa situación persoal, derivada dunha discapacidade que non lle permite a mobilidade, pero que resulta ser unha estudante modelo”. A estudante reivindicou no seu discurso a toma de medidas para rematar coas barreiras viarias e arquitectónicas coas que se atopan persoas que, coma ela, teñen s mobilidade reducida. A gala anual da ‘Arenteira’ pechouse coa interpretación conxunta do Himno Galego por parte do grupo Tor e o dúo Felisa e Xoán e todo o público asistente.