O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, xunto co resto de consellos reguladores galegos que conforman a agrupación ACRUAGA, participou en Londres, capital do Reino Unido, nunha exitosa xornada de exhibición e cata de viños dirixida exclusivamente a profesionais do sector e á que asistiron preto dun cento de expertos, entre eles, seis Master of Wine, coma é o caso dos ingleses Mathew Forster, Jancis Robinson ou Christopher Martin, e o primeiro español en lograr este título, Pedro Ballesteros. O evento celebrouse durante un día no salón Saint James do afamado Club 67 Pall Mall, un dos espazos especializados adicado ao viño e de meirande prestixio na cidade do Támesis.
A D.O.Ribeiro participou cun túnel de viños integrado por un total de 24 referencias distintas, algunhas xa presentes no mercado británico, e cuxos productores queren consolidar as súas vendas neste destino xunto a outras marcas que aínda non foron exportadas a Gran Bretaña. “O Reino Unido é un mercado dun gran valor para a nosa Denominación de Orixe, e un dos maiores importadores de viño do mundo e, en concreto, dos viños galegos”, subliña Concha Iglesias, presidenta do Consello Regulador do Ribeiro, en relación á participación nesta acción conxunta. E apunta que “cualitativamente, o mercado británico é un referente mundial no sector, e conta cunha grande cantidade de prescriptores e críticos vinícolas asentados no país, que fan que se vaian actualizando continuamente as tendencias no mercado”.
Deste xeito, o ‘II Salón dos Viños e Augardentes de Galcia’ mostrou ao público profesional asistente a calidade e a diversidade das elaboracións da Galicia vitivinícola, coa súa forte impronta atlántica, así como os seus destilados. A asociación ACRUAGA, que naceu no 2021, activou esta acción promocional no marco dun convenio asinado co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), con varios obxectivos. Entre éstes, o de favorecer e impulsar o grao de coñecemento dos viños e licores galegos, ao traverso de accións de visibilización, divulgativas e formativas conxuntas en diferentes puntos de España e do extranxeiro. Un convenio que xa ten permitido que distintos viños e destilados de Galicia participaran no mes de febreiro deste ano, baixo un mesmo espazo expositor, en ‘Vinexpo’, unha das feiras máis relevantes do sector e que se celebra en París anualmente.