A Deputación colabora na celebración da tradicional Festa do Porco ó Espeto da Merca

Na presentación do evento, que o 3 de setembro alcanza a súa XI edición, o vicepresidente primeiro Rosendo Fernández puxo en contexto unha cita que vai máis aló da gastronomía, “pois ten as súas orixes en torno ao ano 1620, coa figura dos marralleiros ou tratantes de porcino”

A asociación Peneda da Lebre, organizadora da festa, agarda a asistencia de 300 comensais que degustarán máis de 250 quilos de carne no campo da feira 

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 31 de agosto de 2022.- O campo da feira da Merca acollerá o próximo sábado, día 3 de setembro, a XI edición da Festa do Porco ó Espeto, unha celebración que conta co apoio da Deputación e “onde ademais da exaltación dun produto gastronómico de calidade tamén se mesturan a historia e a tradición”, declarou o vicepresidente primeiro do goberno provincial, Rosendo Fernández, durante a presentación deste evento. Un acto desenvolvido esta mañá no Pazo Provincial e no que tamén participaron os representantes da organización, Manuel Carrera e Luis Vieira, presidente e tesoureiro da asociación Peneda da Lebre, acompañados polo concelleiro da Merca, José Manuel Taín.

Rosendo Fernández puxo en contexto unha festa que vai máis aló da gastronomía, “pois ten as súas orixes no século XVII, en torno ao ano 1620, coa figura dos marralleiros ou tratantes de porcino”. Unha importante actividade que daría lugar á celebración, os días 26 de cada mes, a unha feira de gando “mesmo nomeada polo Padre Feijóo e considerada no seu momento como a máis importante desde Ponferrada ata Portugal”. Ademais, sinalou, nesta tradición tamén conta a semana festiva que se comezou a celebrar a finais da década dos 70 do pasado século e que incluía un apartado cultural coa homenaxe a artistas e escritores. 

En nome do Concello, José Manuel Taín quixo agradecer aos membros da asociación Peneda da Lebre “o esforzo persoal que fan a prol da veciñanza” para recuperar e manter a tradicional Festa do Porco ó Espeto. Unha xornada na que segundo Manuel Carrera “esperamos a presenza de 300 comensais que degustarán máis de 250 quilos de carne”, coa oportunidade ademais de asistir a outras degustacións, visitar unha mostra de artesanía e gozar coa música tradicional e actual.