O barrio coñecido antiguamente co nome de ‘A Barronca’, situado na parte traseira da Casa do Concello do Carballiño e lindante coa rúa Caridade, volta a converterse nun dos focos máis atractivos da época de Nadal. E todo porque as veciñas e veciños da contorna, seguindo a tradición iniciada xa hai catro anos, elaboraron a súa particular decoración navideña coa montaxe dun belén artesanal e complementos de adorno na praza ubicada na mazá de vivendas que fai de epicentro do barrio, ademais dunha instalación de alumeado que non ten nada que envidiar á de outras zonas do casco urbano. Conchi Soto, unha das promotoras desta iniciativa, comentounos o agradable que para ela resulta a tarefa de deseñar e instalar esta decoración.
Con elementos e pezas recicladas e sen nengún tipo de axuda económica externa, a veciñanza deste barrio puxo o seu grao de area para conmemorar e festexar o Nadal cun nacemento con céspede, casiñas, o portal de Belén e as tradicionais figuras de pastores e outras semellantes para conseguir un escenario agradable e vistoso. Así, non é de estranar que sexan moitos os veciños e visitantes os que se achegan pola noita para admirar este particular traballo artesanal, que xurde como unha alternativa destacada á deficiente iluminación artística que as autoridades municipais colocaron na vila con motivo das festas navideñas.
Neste sentido, cabe destacar a iniciativa tamén desenvolta polos propietarios de establecementos comerciais da rúa Margarita Taboada, que sufragan os gastos de alumeado de Nadal desta céntrica arteria do Carballiño, que une a Rúa do Paseo coa propia Praza de Abastos.