O deputado de Innovación, Jorge Pumar, destacou na visita á oficina itinerante instalada na rúa do Paseo a “mellora da competitividade” alcanzada con este proxecto que proporciona asesoramento sobre novas tecnoloxías aos emprendedores
A día de hoxe o programa contactou directamente con 121 empresas da provincia, asesorou a outras 148 empresas, tramitou 25 axudas de “kit” dixital, ofreceu 11 seminarios informativos en varios concellos e prevé realizar outros 31
Ourense, 12 de decembro de 2024.
A Deputación de Ourense impulsa a transformación dixital de preto de 300 pequenas empresas ourensás a través da Oficina AceleraPyme, unha iniciativa que proporciona asesoramento e información sobre tecnoloxías para a súa transformación dixital e sobre convocatorias de axudas, ademais de facilitar redes de contactos profesionais e ofrecer unha asesoría personalizada.
O deputado de Innovación, Jorge Pumar, acompañado polo director da Área de Transparencia e Goberno Aberto, Marcos Valiño, visitou na rúa do Paseo a oficina itinerante que proporciona este servizo, que conta ademais con outras tres sedes: dúas oficinas físicas permanentes ubicadas no Pazo Provincial e no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro en Xinzo e outra virtual, que se suman a esa oficina itinerante que percorre a provincia para mellorar a competitividade dos emprendedores.
O programa AceleraPyme, posto en marcha a través do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, forma parte do Plan de Dixitalización de pemes 2021-2025, financiado pola Unión Europea. A Deputación de Ourense presentou a este programa o proxecto “AcelerOU”, co obxectivo de apoiar ás pemes, autónomos e emprendedores ourensáns no seu proceso de dixitalización, contribuíndo a mellorar a súa competitividade.
Un proxecto que, como explicou o deputado de Innovación, xa deu grandes froitos. “É un proxecto que está sendo un éxito para o noso tecido empresarial, que seguiremos apoiando con iniciativas estratéxicas coma esta, que melloran a dixitalización das empresas e a súa competitividade nun mundo globalizado”, valorou Jorge Pumar.
As actividades realizadas ata agora no marco do programa AceleraPyme inclúen o asesoramento a 148 empresas, pemes e autónomos; o contacto directo con outras 121 empresas; 25 axudas de “kit” dixital tramitadas e ata 11 seminarios informativos.
As charlas de asesoramento realizadas pola provincia beneficiaron, ata o momento, a usuarios de Nogueira de Ramuín, Verín, Monterrei, a Asociación de Jóvenes Empresarios de Ourense (AJE), a asociación ProVivienda, Quintela de Leirado, Riós, Manzaneda, A Merca, o Plan de Sustentabilidade Turística Ribeiro-Carballiño e o Polo de emprendemento e apoio ao emprego de O Carballiño.
Ademais, está previsto realizar 31 seminarios máis pola provincia durante o primeiro semestre de 2025.
Proceso para acceder ao programa
O proceso para acceder ao programa AceleraPyme da Deputación é o seguinte: o usuario contacta coa Deputación a través das diferentes oficinas dispoñibles, analízase o seu caso para realizar unha análise e diagnóstico do mesmo en canto a dixitalización e en base a este, elabórase un plan de acción que guíe ao usuario nese proceso de dixitalización.
Pódese obter máis información na web do programa (acelerapyme.depourense.es), así como na conta de Facebook @AceleraPymeDepourense.
As formas de contacto son o formulario dispoñible na web, o teléfono +34 627500345 ou o e-mail acelerapyme@contactodepourense.gal.