O Psdeg reclama que o concello de Ourense poña en marcha medidas urxentes fronte ás picadas, a submisión química e a violencia sexual exercida contra as mulleres

As e os socialistas levarán unha moción ao vindeiro pleno municipal para instar ao goberno local a instalar Puntos Violeta nas festas e esixir protocolos máis estritos ás empresas organizadoras de eventos  

Esixen que o goberno autonómico estenda o protocolo do CHUO para detectar casos de submisión química a todas as áreas sanitarias de Galicia e que desenvolva unha campaña de información ao respecto

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 25 de agosto de 2022. O PSdeG-PSOE defenderá unha iniciativa no pleno municipal do vindeiro venres para reclamar que o Concello de Ourense poña en marcha medidas de carácter urxente ante o considerable aumento no número de mulleres vítimas de picadas, submisión química e violencia sexual. Concretamente, as e os socialistas instan ao goberno local a condenar calquera tipo de agresión sexual, instalar Puntos Violeta nas festas, esixir protocolos máis estritos por parte das empresas organizadoras de eventos e realizar campañas de concienciación con guías de actuación claras ante este tipo de situacións.

Ademais, solicítanlle á Xunta de Galicia que estenda canto antes ao conxunto das áreas sanitarias galegas o protocolo do CHUO, que foi o primeiro a nivel galego destinado a identificar posibles casos de submisión química e que, dende a súa posta en marcha, se activou dez veces nese centro hospitalario, case sempre con mulleres de menos de 30 anos. Reclaman, ao mesmo tempo, que o goberno galego desenvolva unha campaña de información nos centros hospitalarios e de atención primaria.

A edil socialista Concha García,quen defendeu esta iniciativa promovida polo PSdeG-PSOE a nivel galego, denunciou, durante a presentación da moción ante os medios na sede dos socialistas ourensáns, que as mulleres están sometidas a “múltiples manifestacións de violencia machista, dende a agresión física e sexual ata o maltrato psicolóxico” e sinalou que todas elas contan cun “denominador común”, que consiste en “sometelas a través do medo porque o temor é a arma do agresor para a dominación da vítima”.

A concelleira lamentou que “o número de mulleres vítimas de violencia por razón de xénero aumentou un 3,2 % no ano 2021”, ao tempo que puxo de manifesto que, no que vai de ano, “foron asasinadas a mans das súas parellas ou ex-parellas 26 mulleres”.

No texto da moción, o grupo socialista sinala tamén que, segundo a macroenquisa da violencia contra a muller do ano 2019, en España o 12 % das mulleres sufriron algún tipo de violencia sexual, con 544 agresións sexuais con penetración rexistradas no primeiro trimestre do presente ano 2022, e alerta da emerxencia da submisión química como novo método de moda entre os agresores.

“Nos últimos tempos apareceu un novo xeito de agresión ás mulleres máis novas, ‘a picada’, que a día de hoxe non está claro con que fin se realiza nin cal é o seu obxectivo, pero o que é indiscutible é que é un novo xeito de agredir ás mulleres, unha nova agresión machista que pretende que se impoña o medo entre as mulleres mozas que queren desfrutar do seu tempo de lecer nocturno, xa que os agresores aproveitan festas e espazos de aglomeración de xente para realizar esta agresión e pasar desapercibidos”, abundan as e os socialistas no texto da iniciativa.

Así as cousas, a concelleira García convidou aos medios de comunicación a unha reflexión profunda sobre a linguaxe empregada para facer referencia a esta nova realidade: “debemos censurar que se faga referencia á ‘picada’ como unha ‘broma macabra’, xa que desvirtúa e banaliza a realidade, que é que os ‘pinchazos’ son un delito, con ou sen submisión química. É unha agresión, co agravante de vernos expostas a contraer enfermidades graves como VIH, hepatite, etc. Atopámonos ante unha cara máis da crecente violencia machista exercida contra as mulleres. Actuar fronte a estas agresións é urxente”, insistiu.

Dende o grupo socialista instan ás administracións públicas a velar e garantir a integridade física de toda a cidadanía, defendendo o dereito de liberdade de movemento e sexual, para o cal consideran preciso “traballar conxuntamente coa poboación para erradicar as picadas e todas as agresións sexuais exercidas contra as mulleres”.