A casa da cultura encheuse de cidadáns preocupados polo futuro do Asilo, a entidade benéfica máis histórica da vila.

Pachi Vázquez: “Os veciños do Carballiño non podemos quedar quietos mentres nos quitan o Asilo”

Entre outras cousas, xurdiu a idea de crear unha Comisión Cidadá para a Defensa do Asilo.

AVANTAR ACTIVIDADES

O compromiso de Espazo Común quedou claro: loitar ata o final por esclarecer a situación actual e garantir a viabilidade do legado dos Irmáns Prieto.

A masiva presencia, na charla de onte, de cidadáns preocupados por todo o que está a acontecer no Asilo do Carballiño e na Fundación Irmáns Prieto que o dirixe, deixa ben clara a inquedanza que sinte este pobo polo presente e o futuro desta institución benéfica.

Durante case unha hora, Pachi Vázquez explicou con detalle todo o que o grupo de Espazo Común foi quen de acreditar e documentar, a pesares do escurantismo e as constantes mentiras do alcalde Fumega que se nega incluso a facilitar documentos asinados por el mesmo no seu cargo de dirixente do Padroado.

Este pasa por ser o defensor dos intereses do pobo na directiva que dirixe a Fundación xunto co Bispo e o Arcipreste da comarca, sen embargo, leva dous anos enganando a todo o mundo e ocultando información vital sobre o que está a acontecer.

Así o explicou Pachi Vázquez amosando documentos sobre o valor das propiedades sitas no centro de Madrid, que se mide en millóns de euros e das que se negan a amosar contas nin documentos de titularidade actualizados.

Entre a documentación presentada evidenciaronse graves irregularidades en certificacións e modificacións estaturias que alteran por completo o espirito da Fundación.

Tamén se informou aos presentes dos cambios de cargos na administración destes bens e do resto con que conta a entidade, sendo nomeados, ás escuras, nos tres últimos anos, un económo de Zamora e un avogado de Vigo para postos esenciais no coidado da herdanza deixada polos Irmáns Prieto.

Outro dos temas tratados foi o modelo de xestión que pasou a ser o mesmo de calquer xeriátrico privado, obviando a vontade amosada nos estatutos fundacionais, onde as propiedades e os seus rendemento quedaban consignados para dar acubillo aos anciáns sen recursos desta comarca. Algo que se está a incumprir cobrando tarifas ás que ninguén en situación de desamparo podería tan siquera achegarse, obviando a condición de entidade sen ánimo de lucro e deixando moitas dúbidas sobre o destiño das rendas dos inmobles mencionados na capital de España.

Comentouse ademáis que preocupa e moito a gran conflitividade laboral do centro despois da decisión do Padroado de nomear unha directora externa que puido ser o detonante da marcha das Irmáns dos Anciáns Desamparadas despois de case 120 anos de traballo ininterrompido e doutra congregación posterior que apenas estivo un ano e marchou tamén por diferencias no xeito de xestionar o Asilo.

Nas intervencións do público quedou patente o compromiso social e a disposición de todo un pobo para loitar por manter intacta unha institución que forma parte do ADN dos carballiñeses. Así, falouse da creación dunha Comisión Cidadá para a Defensa do Asilo que se encargue de exixir ao alcalde que amose toda a documentación que oculta e que él e os outros dous responsables respecten a historia e a esencia dunha entidade centenaria sen convertela nun negocio.