Milleiros de persoas decidiron desfrutar das rúas de Ribadavia esta fin de semana, agora alumeadas co decorado de Ferrero Rocher logo de ser elixida como a vila máis bonita de España e gañar o concurso “Juntos Brillamos Más”. Visitar a capital do Ribeiro sempre é un bo plan, pero para facelo nestas datas de Nadal o plan é perfecto, podendo admirar o alumeado co que contan agora as rúas empedradas e cheas de historia. De feito, é posible que Ribadavia se convirta na vila que peche o Nadal en Galicia e España, pois ante o éxito do alumeado, o goberno local decidiu que estará aceso ata o 26 de xaneiro, todos os días en horario de 18,15 a 2,30 horas.
Visitalo foi precisamente o plan escollido por moitos xa esta fin de semana. Milleiros de persoas chegaron a Ribadavia durante o venres, sábado e domingo, o que provocou incluso algunha retención na circulación. Por iso, dende o Concello de Ribadavia anuncian que, para que todos os visitantes desfruten da vila con todas as comodidades, reforzarán a regulación do tráfico durante as próximas semanas, especialmente nas fins de semana e festivos, aconsellando zonas de estacionamento que eviten a concorrencia excesiva de vehículos no centro da vila.
Así, desde o Concello e a Polícía Local recomendan estacionar nas rúas Xestal, Veronza, Baixada ao Consello ou na zona do Polideportivo, realizando un último traxecto a pé ata chegar á Praza Maior para admirar o alumeado artístico.