O Club Aehde vén de programar para o vindeiro venres, 20 de decembro, a súa tradicional ‘Gala de Nadal’ de patinaxe artística, coa exhibición dun total de 120 patinadoras e patinadores na pista anexa do pavillón polideportivo Paco Chao, un evento que se está a converter nun dos actos clásicos do Nadal do Carballiño. A cita desenvolverase dende as 8 da tarde, comezando pola súa sección de competición, tanto de individual como de show, e incluindo as escolas do club no Carballiño e as patinadoras do colexio Xesús Golmar de Lalín, onde Aehde imparte clases extraescolares dende hai dous anos. O Golmar é un dos tres centros na provincia de Pontevedra onde o club carballiñés ten presenza.
Durante ás dúas horas que dure a gala misturaranse as coregrafías grupais cas individuais e contará ca visita de Papa Noel, e tamén haberá sorteos e agasallos na clausura e moitas sorpresas nunha cita que conta ca colaboración do Concello do Carballiño. Por outra banda, o Club Aehde O Carballiño organiza para as vindeiras datas de Nadal unha tecnificación de patinaxe artística para os días 26 e 27 de decembro e 2 e 3 de xaneiro, na que se impartirán clases de interpretación, flexibilidade, nutrición, preparación física específica e, por suposto, patinaxe.