Un plano editado polo Concello do Carballiño coa colaboración da Editorial Galaxia permite coñecer a veciños e visitantes as andanzas pola vila do Arenteiro de Frank Soutelo, o famoso detective ideado polo escritor Miguel Anxo Fernández ao longo de sete entregas. Son un total de 22 puntos do casco urbano nos que a presenza de Frank está rexistrada seguindo paso a paso os capítulos das novelas do tamén crítico cinematográfico carballiñés nos últimos 22 anos. Esta nova publicación contén toda a información necesaria para percorrer o itinerario novelístico e está a disposición do público nas oficiñas da Casa do Concello e na tenda Ozoco. No plano figuran, en primeiro lugar, os enclaves onde están emprazadas as esculturas do propio Frank Soutelo, na rúa Rosalía de Castro; ‘Franeiras’ (cabo e despios sarxento da Policía Local), na Praza do Emigrante, e da ‘Dalia Maxino’ (secretaria de Frank), na Baixada a Flores.
Ademais, a cartografía tamén contempla as localizacións da vila onde estivo o detective con residencia en New York, identificadas coa placa “Aquí estivo Frank Soutelo”, tales como a Alameda, A Veracruz ou a mesma Casa do Concello, entre outras, ata un total de 13 ubicacións. Finalmente, seis placas co epígrafe “Por aquí andou Frank Soutelo” indican o paso do investigador por outras tantos establecementos comercias e de hostalaría do Carballiño e lugares como a Praza de Abastos, o Gran Balneario ou a Fonte de Flores.
A creación deste ‘Roteiro literario de Frank Soutelo’ foi obra da profesora Mariña Arbor, natural de San Fagundo de Cea e doutora en Filoloxía Románica, e de Eladino Cabanelas, de Punxín e deseñador gráfico, que lograron plasmar nas rúas e prazas carballiñesas as historias contadas por Miguel Anxo Fernández, que abarcan un periodo que vai dende 2002 ata 2022. Unha traxectoria de sete novelas co detective coma protagonista: “Un nicho para Marilyn”(2002), “Luar no inferno”(2006), “Tres disparos e dous friames”(2008), “Lume de cobiza”(2011), “Bícame, Frank”(2013), “Un dente sen cadáver”(2016) e “A conxura dos sete”(2022).