Ángeles Vázquez subliña que este financiamento pode cubrir ata o 100% do custo da actuación, cun límite de 4.500 € por árbore e de ata 8.000 € se é unha formación
Na actualidade, forman parte do Catálogo un total de 202 elementos —155 exemplares e 47 formacións arbóreas— pertencentes a 84 especies diferentes
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 28 de decembro de 2024
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta destinará 90.000 euros ás axudas para actuacións de mellora, conservación e divulgación das árbores e formacións senlleiras de Galicia.
Durante unha visita ás formacións arbóreas senlleiras localizadas no Pazo de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa, a conselleira explicou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará nos vindeiros días as dúas ordes polas que se convocan estas axudas. Nesa liña, unha está dirixida a concellos ou agrupacións locais que sexan titulares dalgún destes elementos, dotada con 30.000 euros; e a outra, a persoas físicas ou xurídicas propietarias dunha árbore ou formación senlleira, cun orzamento de 60.000 euros.
Ángeles Vázquez explicou que estas axudas poden chegar a cubrir ata o 100% do custo da actuación, cun límite de 4.500 euros por árbore e de ata 8.000 euros cando se trate dunha formación. Entre as intervencións subvencionables cómpre salientar a realización de podas, formación e control da copa, a aplicación de tratamentos fitosanitarios, accións encamiñadas á conservación e mellora do entorno dos elementos catalogados, actuacións de divulgación e sinalización, e a realización de estudos
Unha ferramenta en constante actualización
Tal e como lembrou a conselleira, o catálogo galego de árbores senlleiras é “unha ferramenta aberta e en constante actualización”, podendo propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.
De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, foi obxecto xa de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a posible incorporación de exemplares con valores salientables, como é o caso das cinco formacións arbóreas que hoxe visitou a conselleira no Pazo de Rubiáns.
Trátase dunha formación de criptomerias elegantes composta por 10 exemplares de grandes dimensións cuxa plantación se corresponde coa execución de axardinamento realizado a finais do século XVIII.
No caso dos calocedros, o conxunto reúne 14 exemplares de grandes dimensións e copas equilibradas. As bases dos troncos están provistas de grosos contrafortes que non desfiguran o seu contorno circular. Os troncos forman a cruz a máis de cinco metros de altura, ramificándose en potentes brazos, algúns dos cales comezan o seu crecemento horizontalmente, paralelo ao chan, erguéndose despois para configurar a característica arquitectura da copa en forma de candelabro.
En canto á formación de camelias, son 10 exemplares que posiblemente sexan as primeiras árbores desta especie plantadas en Vilagarcía de Arousa. Tamén se incorporaron ao catálogo dous exemplares de magnolios, que destacan pola súas dimensións (30 m de altura) e a súa plantación data do século XVIII, e catro criptomerias xaponesas de 35 m de altura, plantadas a finais do XVIII e con tronco recto de grande anchura.
A conselleira tamén visitou hoxe no pazo de Lourizán, en Pontevedra, a araucaria de grandes dimensións (ronda os 35 m de altura e un perímetro de 3,19 m), que se incorporou recentemente ao catálogo. Este exemplar de Araucaria angustifolia ten un grande interese ornamental e estético, dada a peculiar forma do seu tronco coma unha pata de elefante, pero tamén histórico pola vinculación con este lugar, e botánico, posto que foi un dos primeiros exemplares desta especie que chegaron ás nosas latitudes.
Na actualidade, forman parte do Catálogo un total de 202 elementos —155 exemplares e 47 formacións arbóreas— pertencentes a 84 especies diferentes e coa seguinte distribución por provincias:
PROVINCIA | ÁRBORES | FORMACIÓNS | TOTAL |
A Coruña | 43 | 14 | 57 |
Lugo | 35 | 7 | 42 |
Ourense | 22 | 6 | 28 |
Pontevedra | 55 | 20 | 75 |
Total | 155 | 47 | 202 |