A provincia de Ourense promociona a súa oferta turística, por primeira vez, no Iberian MICE Forum

Esta participación enmárcase na estratexia que se está a levar a cabo desde o goberno provincial para impulsar o sector turístico aproveitando a chegada da Alta Velocidade convertendo a Ourense nun destino de referencia para o turismo de congresos e incentivos, a través do Inorde

A provincia de Ourense promociona a súa oferta turística, por primeira vez, na XXXII edición do Iberian MICE Forum que remata hoxe, tras reunir a máis dun cento de participantes de todo o país en Xixón do 6 ao 8 de xuño, celebrando o principal evento do sector turístico de reunións de España e Portugal.

AVANTAR ACTIVIDADES

Esta participación enmárcase na estratexia que se está a levar a cabo desde o goberno provincial para impulsar o sector turístico aproveitando a chegada da Alta Velocidade convertendo a Ourense nun destino de referencia para o turismo de congresos e incentivos, a través do Inorde. Esta é unha das actividades que se desenvolve desde dito organismo provincial grazas á partida de 30.000 euros que a Deputación de Ourense destinou na última modificación de crédito co obxecto de impulsar o denominado Turismo MICE (turismo de negocios que engloba reunións, incentivos, conferencias e exposicións).

A axenda no Iberian MICE Forum incluíu máis de 30 citas de traballo nas que a representación  da provincia de Ourense logrou establecer contacto con axencias especializadas en viaxes de incentivos e corporativos, organizadores de congresos e outras empresas provedoras do sector, dando a coñecer os seus espazos e recursos singulares para atraer eventos.
Así, a provincia de Ourense logrou posicionarse como un destino de proximidade, accesible e que grazas á chegada da Alta Velocidade, poderá ver os froitos desta acción de comercialización a curto prazo.

En canto ás persoas que asistiron a este foro cabe destacar que no ámbito da oferta máis de 60 provedores de servizos MICE ibéricos como grupos hoteleiros, propiedades individuais, DMC, centros de congresos, padroados de turismo e oficinas de convencións. E participantes da parte de demanda, déronse cita 45 compradores MICE de toda Europa das seguintes categorías: axencias de eventos e comunicación en vivo, axencias de viaxe, empresas e asociacións internacionais, empresas de tecnoloxía, empresas de marketing.