O Servizo municipal de Emerxencias de Ribadavia realizou máis de 900 intervencións neste 2024

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Os efectivos do Servizo municipal de Emerxencias de Ribadavia, integrado polo Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) e o voluntariado de Protección Civil, levaron a cabo case 1.000 intervencións neste 2024, 909 en concreto, en operativos de auxilio en accidentes, extinción de incendios e, principalmente, en actuacións de colaboración e apoio en prevención de riscos e á realización de eventos. Así, os equipos mobilizáronse nun total de 113 accidentes de tráfico e laborais, e participaron na extinción de 62 incendios, dos cales 20 foron urbanos, 15 forestais e 13 de automóbiles, entre outros.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A memoria elaborada por este Servizo de Emerxencias e que resume as intervencións realizadas ao longo do ano que hoxe remata tamén recolle outras 732 actuacións máis destacadas. Entre elas, sete de auxilio á persoas en situacións difíciles no seu domicilio; tres de salvamento; cinco de procura de persoas desaparecidas e 30 de apertura de portas e ascensores, e, estas últimas, levadas a cabo en presenza das forzas de orde pública. Asemade, atenderon 111 incidencias en estradas e vías públicas (verquidos medioambientais, obstáculos, pólas, árbores e inundacións, entre outras); 78 por chamadas ou reclamacións vencelladas á animais, e 152 de actividades de renovación e mantemento de trampas para a vespa velutina, nunha campaña preventiva na que se efecturaron 2.584 capturas en primavera e 130 no pasado outono.

O GES e o voluntariado de Protección Civil tamén participaron en 32 operativos de prevención de riscos orixinados por fugas de gas, avarías eléctricas, colocación de sinais, limpeza de sumidoiros, derrubes e activación dos umbrais do río Avia, entre outros, destacando, sobre todo, os 272 operativos de apoio en eventos tales como a Feira do Viño, a Festa da Istoria e outros actividades culturais e deportivas. Os efectivos do Servizo de Emerxencias de Ribadavia estiveron presentes en catro ocasións para axudar no rescate de persoas afogadas e en 38 de apoio sanitario ao helicóptero do 061.

Finalmente, na memoria de Emerxencias, neste 2024, contabilízanse 10 persoas falecidas en sinistros, correspondentes a accidentes de tráfico (3), laborais (2) e con maquinaria agrícola (1); na súa vivenda (2), en mobilización asistencial (1) e afogamento en ríos (1).