Nota informativa da Fruga

O Ministerio de Agricultura invade competencias da Consellería do Medio Rural, ademais de impor medidas lesivas para as explotacións de bovino galegas.
Desde a FRUGA facemos un chamamento a oporse a este proxecto de Real Decreto.
Sarria, 29 de outubro de 2021. Logo de unha primeira lectura do proxecto de Real Decreto do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación do goberno español polo que queren establecer as normas básicas de ordenación dos granxas de bóvidos, desde a Federación Rural Galego – FRUGA, queremos facer as seguintes valoracións.
En primeiro lugar consideramos esta proposta normativa como invasiva, na medida en que consideramos que invade as plenas competencias que en materia de agricultura, gandería, monte, desenvolvemento rural e industria agro-alimentar ostenta a Consellería do Medio Rural da Galiza, para regular, neste caso concreto, a actividade do sector bovino no territorio galego.
Esta visión centralista, ademais de centralista adoece de un total descoñecemento da realidade social, económica e xeográfica da nosa Galiza, e do noso rural de xeito relevante, o que a leva a que se cometan erros de vulto como o que figura no artigo 4 desta proposición ao establecer unha distancia mínima de 500 metros entre explotacións de bovinos xa existentes, a respecto de calquera outro establecemento ou instalación que poda representar un risco hixiénico-sanitario, e cos núcleos de poboación.
Tamén non podemos estar de acordo coa proposta de marcar a capacidade produtiva máxima en 850 Unidades de Gando Maior (UGM), o que pode levar a permitir que algunhas granxas podan chegar a ter mais de 1000 cabezas, xa que os animais de menos de 2 anos non computa por 1 UGM, así por exemplo un animal de menos de seis meses computa por 0,4 UGM, ou un entre mais de seis meses e menos de dous anos equivale a 0,8 UGM.. Desde a FRUGA estamos en contra da concentración da produción tanto en determinadas zonas xeográfica como en unidades produtivas, as coñecidas popularmente como macro-granxas.
Optar por este modelo ten graves prexuízos tanto demograficamente, potenciando o abandono do rural e favorecendo a desestruturación do territorio, como medio ambientalmente ao concentrar a produción de xurros, dificultando o seu tratamento e uso, algo do que tivemos varias mostras ultimamente na Galiza, por falar soamente de algúns aspectos que esta concentración implica.
E por último introducen-se novas exixencias como a obirgatoriedade de comunicar ás autoridades competentes as técnicas aplicadas, ou ter que contar obrigatoriamente con un Sistema Integral de Xestión que se terá de actualizar cada 5 anos, así como dispor dos servizos externos de un profesional veterinario. Esto vai provocar nova burocracia e papeleo.
Por todo o anterior desde a FRUGA facemos un chamamento tanto aos e ás parlamentarias galegas que sentan no Parlamento español, así como ao Goberno galego e as demais organizacións agrarias galegas a oporse a este proxecto de Real Decreto, por consideralo lesivo para os intereses das explotación de bovino galegas.