As e os socialistas denuncian a “inacción” e a falla de alternativas por parte do grupo de goberno municipal do Partido Popular aos que acusan de “mirar para outro lado e non buscar solucións a estes graves problemas”
Germán García-Ávila Arias destaca que a situación “é moi preocupante e son numerosas as rúas e prazas na que o caos circulatorio para vehículos e peóns é total por mor de vehículos mal estacionados”
Viana do Bolo, 13 de xaneiro de 2025. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo presenta unha moción para o seu debate na sesión plenaria do vindeiro xoves na que presenta unha batería de iniciativas que permitan rematar co “caos” circulatorio e de aparcadoiro de vehículos no que está inmerso a vila. As e os socialistas denuncian a “inacción” e a falla de alternativas por parte do grupo de goberno municipal do Partido Popular aos que acusan de “mirar para outro lado e non buscar solucións a estes graves problemas”.
Dende o grupo municipal socialista explican que un dos principais problemas é que as rúas de Viana “adoecen de sinais que indiquen a maneira e o lugar onde poden estacionarse os vehículos e as que hai, nalgún caso, ata contradín os bandos que ten publicado o concello ao respecto”. Ante esta situación piden que o concello “proceda a instalación en lugares visibles de sinais que regulen o aparcadoiro de vehículos nas rúas, antepondo ó tránsito e a seguridade das persoas sobre os vehículos”.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, destaca que a situación “é moi preocupante e son numerosas as rúas e prazas na que o caos circulatorio para vehículos e peóns é total por mor de vehículos mal estacionados”. O edil socialista explica que na Praza Maior “a xente aparca como e cando lle peta, invadindo as beirarrúas e impedindo que as persoas poidan transitar polas mesmas”. Situación similar vívese na Praza de María Pita “onde se aparca continuamente, sen deixar espazo para o tránsito doutros vehículos e dos peóns, pondo en perigo a seguridade viaria, ao ter que camiñar invadindo a calzada, e en moitos casos con carros de crianzas ou da compra”.
García-Ávila Arias tamén pon o foco na rúa San Roque da que afirma “é un auténtico esperpento e amosa a total deixadez e incapacidade de xestión do equipo de desgoberno do PP”. Tal e como apunta o voceiro socialista esta rúa “non conta con espazo habilitado para o tránsito das persoas e os vehículos aparcan en ambos lados da rúa, obrigando aos transeúntes a ter que atopar un lugar onde protexerse na espera de que circulen os vehículos que baixan”. Neste senso subliña que “falamos de protexerse porque son os peóns os que teñen que esperar ao non ter espazo para transitar e ao estar os vehículos pegados a parede e preto uns dos outros, ocupando incluso as saídas dos portais, o que dificulta a vida da veciñanza”.
As e os socialistas tamén destacan que na rúa Mazairas “tanto as persoas como os vehículos viven unha auténtica odisea, xa que os coches están estacionados pegados a parede, ocupando o lugar de paso dos viandantes, obrigándoos a subirse aos portais cando circulan os vehículos e pondo en risco a seguridade dos transeúntes”.
Ante esta situación dende o PSdeG-PSOE de Viana do Bolo presentan unha batería de iniciativas para mellorar a situación e a seguridade viaria e rematar co “caos que vive a veciñanza”. Consideran necesario “a instalacións de sinais reguladores, que se respecten as mesmas, que se estableza un sistema de vixilancia e sanción para os que non compren as normas ou que incluso se proceda a executar mocións como a presentada polos socialistas para converter a coñecida como finca do Jesusín nun aparcadoiro”.
Puntos de acordo da moción
- Que o concello proceda a colocación en lugares visibles de sinais reguladoras do aparcadoiro de vehículos nas rúas da nosa vila, antepondo ó tránsito e a seguridade das persoas sobre os vehículos.
- Que na rúa San Roque se instalen sinais reguladoras de estacionamento alternativo de maneira quincenal en cada lado da rúa, de tal maneira que sempre quede baleira de vehículos unha parte e permita o tránsito sen risco para as persoas.
- No caso de que non sexan respectadas as sinais reguladoras e para non ter que adoptar medidas sancionadores, se proceda a instalación de mojóns que impidan estacionar aos vehículos.
- Que se estableza un sistema de vixilancia e sanción ás persoas que incumpren a normativa. Somos conscientes de que é responsabilidade de cada que cumprir as normas e respectarnos uns aos outros, mais cando non é así, a obriga e do que ten a responsabilidade de gobernar para facer o posible por acadar o benestar dos seus administrados.
- O grupo municipal socialista tamén ten en conta a necesidade de circular e aparcar os vehículos, favorecendo a mobilidade e a cercanía aos negocios. Proba disto foron as mocións presentadas para acadar un aparcadoiro alternativo que suplira o caos existente. Non se trata só de prohibir, hai que dar alternativas que teñan en conta todas e cada unha das problemáticas existentes.
- Aínda a risco de ser repetitivos, aproveitamos para reincidir na proposta feita, aprobada en pleno, para que se siga, por parte do PP, as xestións iniciadas polo grupo socialista cos propietarios da “finca do Jesusín” e habilitar un aparcadoiro que remate cas carencias existentes e permita a plena convivencia entre as persoas.
- Para poder obrigar ao cumprimento das normas circulatorias, sempre e cando as medidas enumeradas non aporten o efecto desexado e haxa que recorrer a medidas sancionadoras, o grupo socialista tamén aportou solucións, a través de dúas mocións aprobadas en pleno para que se denunciara o convenio ca Deputación, anuncio de rescisión que ten que producirse no presente mes de xaneiro obrigatoriamente, tal e como recolle o contrato, co fin de renegociar a apertura da oficina de recadación de impostos e aproveitar o novo convenio para que a Deputación non só xestione o cobro de impostos, senón tamén o das taxas e sancións que estableza o concello.