- O delegado territorial explicou que a nova convocatoria vai dirixida a prestar apoio aos concellos de menos de 10.000 habitantes para que poidan axudar ás unidades de convivencia e non dispoñan de recursos económicos para acometer obras que permitan ter as mínimas condicións de habitabilidade
- Estas subvencións tamén terán por obxecto permitir aos concellos de menos de 10.000 habitantes rehabilitar infravivendas do seu patrimonio municipal para destinalas a solucionar os problemas de residencia
- O representante do Goberno galego detallou que o importe da achega será do 95 % do custo da rehabilitación, cun límite máximo de 15.000 euros por vivenda, e o prazo de presentación de solicitudes comezará o próximo 27 de xaneiro e rematará o 3 de xuño ou, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario.
Ourense, 20 de xaneiro de 2025.- O delegado territorial, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Lobios, acompañado da súa alcaldesa, María del Carmen Yáñez, para supervisar o resultado das obras levadas a cabo nunha infravivenda, nas que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas investiu 15.000 euros.
Na visita, Manuel Pardo anunciou unha nova convocatoria de axudas do Programa Infravivenda para o ano 2025, que conta cunha partida de 370.000 euros, dirixidas a prestar apoio aos concellos de menos de 10.000 habitantes para que poidan axudar ás unidades de convivencia que residan, en condicións de propietarias, nunha infravivenda e non dispoñan de recursos económicos para acometer obras que permitan ter as mínimas condicións de habitabilidade.
Así mesmo, -explicou o delegado territorial- estas subvencións tamén terán por obxecto permitir aos concellos de menos de 10.000 habitantes rehabilitar infravivendas do seu patrimonio municipal para destinalas a solucionar os problemas de residencia de unidades de convivencia que cumpran os requisitos fixados nas bases reguladoras.
O representante do Goberno galego detallou que o importe da achega será do 95 % do custo da rehabilitación, cun límite máximo de 15.000 euros por vivenda, e o prazo de presentación de solicitudes comezará o próximo 27 de xaneiro e rematará o 3 de xuño ou, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario.
O programa de infravivenda, xestionado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), prevé axudas para a rehabilitación con fins residenciais de inmobles que non reúnen uns requisitos mínimos de habitabilidade e que estean emprazados en concellos de menos de 10.000 habitantes. Poderán ser propiedade dos seus moradores ou do concello, pero en ambos casos a axuda debe solicitala o Goberno municipal.
Obras realizadas na infravivenda
As actuacións que se levaron a cabo na vivenda foron as de encintado interior das paredes de pedra existentes; pavimento de baldosa; colocación do falso teito, do tabique, da porta, dos accesorios do baño e da cociña, e dos seus mobles; e instalación eléctrica, de fontanería, de saneamento, e de calefacción. Con respecto a envolvente exterior mantívose tanto o volume como o tamaño dos ocos.