Cine Club Carballiño presenta esta fin de semana un programa dobre, con sesións mañá, venres día 24, e tamén o domingo, día 26. Comeza mañá cunha película española, “Las chicas de la estación”, a última película da directora Juana Macías, que é tamén coautora do guión. Jara, Álex e Miranda son tres rapazas que creceron nun centro de menores sen saber que é o amor sen condicións. É o aniversario de Jara e as tres queren celebralo no concerto da súa trap queen favorita. Necesitan cartos e non teñen moitas opcións para conseguilos. Coñecen a unha rapaza algo maior, ex interna tamén, que se dedica a conseguir citas con adultos nos baños da estación de autobuses e que lles propón gañar algo de diñeiro doado. O filme é un drama social áxil e entretido que remata por ser un canto á amizade e á sororidade. Os pases serán nos horarios habituais de20,00 e 22,30 horas no Auditorio Manuel María do Carballiño.
E a programación continuará tamén no Auditorio Manuel María o domingo 26 de xaneiro con outra película española, “Los destellos”, de Pilar Palomero, un dos grandes éxitos do cinema español no 2024. Conta con 4 nominacións nos Goya, 6 nos premios Feroz e cunha excelente interpretación de Patricia López Arnáiz (gañadora da Concha de Prata á mellor actriz protagonista en San Sebastián), que encarna a Isabel, unha muller que despois de anos de separación do seu marido, Ramón (interpretado porAntonio de la Torre), empeza a visitalo regularmente debido á súa enfermidade e á petición da súa filla. Pouco a pouco empeza a reprantexarse moitas cousas da súa vida pasada e tamén da presente. Unha fermosísima historia dobre o coidado e a empatía, alabada unanimemente pola crítica e polo público. Este domingo haberá un único pase ás 19,00 horas (con entrada única a 3 euros). Con este filme, Cine Club Carballiño inicia a súa programación de ‘Filmoteca’, que manterá ao longo do ano e coa que reforza a programación habitual dos venres.