Ribeiro en Común subliña que o concurso para a dirección da MIT “chega moi tarde”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Ribeiro en Común realizou unha valoración sobre o anuncio do Concello de Ribadavia para convocar un concurso para cubrir a praza de director da Mostra Internacional de Teatro (MIT). Na opinión desta formación política, “este anuncio de concurso público chega moi tarde, pois o goberno deixou pasar seis meses, medio ano, sen abordar unha cuestión tan importante”, e lembran que, “o pasado mes de xullo, xa se anunciou a necesidade de cambio na dirección da MIT, sen embargo o goberno municipal deixou pasar moitos meses sen preocuparse por un dos principais eventos de Ribadavia, polo que debería ter sacado este concurso moito antes”.

Ribeiro en Común apunta a “falta de diálogo cos grupos municipais e co director saínte, Roberto Pascual, quen no mes de xullo e no pleno de setembro,  volveu ofrecer a súa colaboración para o que fixera falta e se necesitará por parte do Concello , mesmo para facer unha transición con tempo, garantindo que a MIT non se vira afectada”. Engaden que “todo parece indicar que o goberno local ten algún ‘tapado’, algunha persoa que leve tempo traballando na MIT 2025, do contrario significará que o goberno está improvisando e banalizando, unha vez máis, cun evento tan importante para Ribadavia e a propia cultura galega”.

Finalmente, dende Ribeiro en Común apuntan que “semella un pouco irrisório que o alcalde diga que cumpre a súa promesa por sacar a concurso a MIT, algo que xa fora acordado en xullo e setembro, sendo esta unha cuestión unánime, en absoluto é un compromiso seu”, de xeito que, conclúen, “unha vez máis, este goberno cumpre aquelo de ‘dime do que presumes, e direiche do que careces”.