Os ‘”Trens Turísticos de Galicia” presentáronose na Feira Internacional de Turismo (FITUR) en Madrid coma unha oferta sostible para coñecer a provincia de Ourense ao traverso das rutas dos viños das Denominacións de Orixe. O presidente do Inorde e deputado provincial de Turismo, Rosendo Fernández, participou no stand de Galicia en Ifema, na presentación da undécima edición desta iniciativa posta en marcha no ano 2013 polo Inorde, Renfe e Turismo de Galicia. Fernández estivo acompañado polo director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e Javier Perez, director de Renfe Viajeros.
Na súa intervención, Rosendo Fernández fixo un repaso polos lugares ourensáns que poderán descubrir os viaxeiros ao traverso destas rutas. Destacou o éxito que colleita ano tras ano esta proposta turística que “permite aos usuarios coñecer a provincia dende a perspectiva que ofrece o tren, percorrendo enclaves naturais, enograstronómicos, patrimoniais e culturais de referencia, e sempre acompañados durante todo o traxecto por un guía especializado”.
Ourense voltará, un ano máis, “a ter un peso importante nesta iniciativa ao pasar 5 das 13 rutas ofertadas pola nosa provincia”, subliñou Rosendo Fernández. Nesta edición, coma novidade, “recuperamos a ruta da Ribeira Sacra e de Valdeorras, que non se pudo levar a cabo por obras nese trazado do ferrocarril. Unha oportunidade única para coñecer de primeira man os que moitos consideran os mellores viños do mundo”, anunciou Rosendo Fernández.
Estas rutas enrriqueceranse con visitas a adegas, a lugares de grande interese patrimonial coma o Mosteiro de San Pedro de Rocas; o Santuario das Ermidas; o castro de San Cibrán de Lás ou o Castelo de Monterrei. Tamén están incluídas as visitas aos museos das estacións de tren do Inorde, que amosan gran parte da historia, cultura e etnografía ourensá e, incluso, nalgunha desas rutas viaxarán tamén en catamarán. E consolídanse iniciativas como as visitas teatralizadas na Aula-Museo do ferrocarril en Os Peares e na fortaleza de Monterrei; ou as visitas singulares ao “Ecoespazo do Rexo” en Allariz e á Colexiata de Xunqueira de Ambía, un dos grandes referentes patrimoniais que atoparemos na Vía da Prata, antes de retornar a tomar o tren na estación histórica de Baños de Molgas.
Nesta nova edición, ofértanse un total de 13 rutas con temáticas diferentes para coñecer Galicia e un total de 33 saídas, manténdose o prezo por usuario de 45 euros para adultos e de 20 euros para nenos de entre 3 e 13 anos, cunha rebaixa do 15% para grupos de 10 ou máis adultos.