A asociación fotográfica O Potiños vén de presentar a exposición “O río Arenteiro”, unha mostra que recolle as paisaxes do cauce fluvial dende o seu nacemento no Arenteiriño, no municipio de Piñor, ata a súa desembocadura en Pazos, xa en Boborás. A exposición, que permanecerá aberta ata finais de marzo na Casa do Concello, contén unha escolma de 26 imaxes das máis de 200 obtidas polos integrantes do colectivo máis outros seis de Vigo.
Esta actividade foi presentada onte polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, que estivo acompañado por Manuel Blanco e Felipe Gallego, directivos de O Potiños. O edil destacou a colaboración desta agrupación co Concello “para a posta en valor dos espazos naturais e patrimoniais do Carballiño, neste caso do noso río, imaxes que son unha fonte de recursos para o arquivo municipal”.
Pola súa banda, Manuel Blanco, apuntou que “o río Arenteiro ten uns recunchos increíbles e en cada imaxe búscase a ollada de cada fotógrafo, son distintas versións”. O tamén presidente do colectivo subliñou que “ésta vai ser unha maís das 18 exposicións que temos na actualidade en salas de toda Galicia, e nas que levamos e difundimos o nome do Carballiño”.